Skip to main content
ActualidadeXermade

O concello convoca unha nova edición do certame Xermade na historia

Por 6 Xuño, 2018Sin comentarios

O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde e o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, presentaron no Pazo de San Marcos a V Edición do Premio Xermade. O Executivo Provincial é a única administración que colabora neste evento achegando 3.000 euros. Trátanse duns premios organizados polo Concello de Xermade, a Asociación de Veciños de Cabreiros e a Facultade de CC. da Educación da USC, financiado pola Deputación. Esta actividade ten a finalidade de promover e poñer en valor as tradicións, festas, ritos, arte popular, lendas, memoria histórica, costumes, literatura oral, arquitectura, e todo aquilo que conforma a historia do municipio xermadés. O prazo para presentar os traballos está aberto ata o 15 de febreiro do 2019. Os interesados en participar poden atopar máis información en www.xermade.org.

Vidal Baamonde avanzou que “dende o Executivo Provincial apoiamos estas iniciativas que impulsan e promoven o coñecemento e o estudo sobre a historia dos nosos Concellos, no que é moi importante a posta en valor do patrimonio etnográfico e cultural do municipio. Ademais temos o orgullo de haber podido presentar un libro moi importante Xermade na historia onde figuran as catro edicións anteriores. Polo tanto, non só se presentan senón que quedará na posterioridade para que a xente poida desfrutar dese traballo de investigación”.

O alcalde de Xermade agradeceu a colaboración e convidou a todos os lucenses a participar e presentar os seus traballos para esta quinta edición. Roberto García destacou que “estes premios son moi importante para un concello como o de Xermade que ten moita historia, moito patrimonio artístico e etnográfico. Ademais de que será un homenaxe para aqueles que fixeron esas obras de arte no municipio”.

Ao igual que as edicións pasadas, nesta, o primeiro premio é de 2.000 euros mentres que o segundo é de 1.000. Na primeira edición presentáronse 6 traballos, dos que foron premiados dous, aínda que houbo unha mención especial a un terceiro. Na segunda edición presentáronse dous traballos e os dous foron galardoados. O mesmo pasou o ano pasado na terceira edición. Que só haxa dous traballos presentados non significa que ambos os dous vaian a ser os gañadores, xa que, se non reúnen os criterios necesarios non serán premiados. Este ano coñeceranse cales son os traballos destacados que recibirán as distincións, o día 9 de xuño as 10:30, como parte da programación das XIV Xornadas Interxeracionais Rurais coas que tamén colaborou a Deputación Provincial.

Programación:

Esta xornada comezará ás 10:30 horas coa entrega de distincións aos traballos máis destacados no IV Premios de Investigación Xermade na historia e facendo convocatoria do V Premio. Finalizada a mañá haberá unha charla Entre tornos e torneiros da man de María Martín Seijo que presentará un traballo sobre arqueoloxía da madeira dende a Idade de Ferro ata a Idade Media. A continuación, falará o torneiro e co-creador do Encontro Internacional de Torneiros de Xermade, Vicente Ledo.

Pola tarde, falarase do Pasado e Presente do torneado artesanal e haberá demostracións prácticas da utilización do torno. Contarase coa colaboración da Asociación Amigos da Madeira de As Pontes e de Lolo de Severiano, mestre artesán ao que describen os expertos coma “o torneiro que fala cas mans”.