As Pontes manterá unha ampla axenda deportiva e cultural para a fin de semana

A axenda da fin de semana do concello de As Pontes ten un marcado carácter deportivo e cultural. Tiro con arco, ciclismo, un curso de alfombrismo ou un concerto musical adicado ós anos 80, son algunhas das propostas de lecer que o municipio ofrece a veciños e visitantes.

A axenda ábrese, o sábado, 9 de xuño, co XXVII Trofeo Silex de Tiro con arco que, desde primeira hora da mañá e ata ben entrada a tarde, se disputará no Campo do Poboado e no que participarán arqueiros chegados de toda a Comunidade Autónoma.

Tamén, desde primeira hora da mañá e ata as 19:30 horas desenvolverase, na praza de abastos municipal, un curso de alfombrismo, organizado polo departamento de Cultura do Concello de As Pontes. Neste obradoiro, impartido por alfombristas dos concellos de Ponteareas e Bueu, os asistentes achegaranse ó mundo da confección de alfombras florais.

Xa en horario de tarde, a partir das 16:30 horas, disputarase o II Ciclismo Master, Gran Premio Vila de As Pontes, organizado polo Club Ciclista As Pontes-Vilalba cun circuíto semiurbano que percorrerá as rúas da localidade. 72km, cuns 1000 mts de desnivel, nun  trazado completamente renovado para esta edición.

Por outra banda, o sábado, as 18:00 horas,  representantes do goberno municipal ofrecerán unha recepción oficial ó Moto Clube do Porto, galardoado durante a última gala da Federación Internacional de Motociclismo co premio Fair Play Internacional. Trinta e cinco membros deste prestixioso clube de motociclismo portugués chegan ó municipio para realizar unha visita turística e cultural, atraídos pola contorna natural de As Pontes e o seu lago.

Despois será a quenda para os alumnos da Escola de música. A partir das 19:00 horas, no Auditorio Municipal Alovi, celebrarán a súa gala de fin de curso cun concerto adicado á música dos anos 80 no que renderán tributo as grandes bandas musicais daquela época.

Xa o domingo, 10 de xuño, a partir das 09:30 horas celebrarase a marcha Cicloturista XXI Clásica Vila de As Pontes, Desafío Fragas do Eume organizada polo Clube Club Ciclista As Pontes-Vilalba cun percorrido que partirá do Concello de As Pontes para chegar ata Pontedeume, adentrarse nas Fragas do Eume,  para regresar a As Pontes, nun percorrido de 120 kms e 2.100 metros de desnivel.

E desde ben cedo, os amantes da pesca, teñen unha cita coa XIX Festa da Troita, organizada pola Sociedade de Caza e Pesca A Venatoria, e que inclúe no seu programa un concurso de pesca e un xantar de confraternidade, que se celebrará no patio do Colexio Santa María, a partir das 14:00 h.

Etiquetas