Skip to main content
Actualidade

Deputación e concellos firman o convenio para aplicación de taxas a empresas enerxéticas

Por 11 Xuño, 2018Sin comentarios

A Deputación acadará novos ingresos para os concellos a través da aplicación de taxas ás empresas enerxéticas pola ocupación de espazos públicos municipais que redunda en beneficios económicos para as mesmas, pois contribúe ao desenvolvemento do seu traballo, pero sen que isto repercuta nos concellos. O presidente, Darío Campos, acompañado polo vicepresidente e Deputado de Cooperación cos concellos, Argelio Fernández Queipo, asinou o convenio de colaboración cos primeiros 51 municipios que decidiron sumarse a esta iniciativa da Deputación, á que poden adherirse todos os concellos que o desexen, para o inicio dos traballos correspondentes que materialicen este pioneiro proxecto na provincia. 

Campos Conde explicou que en primeiro lugar contratarase un estudo que determinará o espazo público municipal que ocupan en cada un dos concellos as empresas de luz e gas para o transporte da enerxía. Acadarase deste xeito un rexistro técnico, económico e xurídico, que permitirá fixar as respectivas taxas municipais ás enerxéticas. Todo isto se recollerá nunha ordenanza que aprobarán os concellos para a súa aplicación, comezando así a recibir uns ingresos, que na actualidade non perciben, para poder destinalos á mellora das prestacións públicas aos veciños.    

O presidente destacou que “este é un novidoso proxecto na nosa provincia. Temos exemplos en municipios de España. En Arteixo están a traballar neste eido tras as sentenzas favorables do Tribunal Supremo sobre a regulación de taxas ás eléctricas mediante ordenanzas municipais. Esta iniciativa enmárcase na nosa aposta pola máxima colaboración cos concellos da provincia para acadar novas fórmulas coas que mellorar os servizos públicos aos nosos veciños”.

A Deputación destina a este proxecto uns 130.000 euros. Os concellos colaborarán cos axudas de entre 3.000 euros e un máximo de 6.000, en proporción á lonxitude das liñas eléctricas coas que conten. O custo do proxecto é de 256.000 euros. 

Estudio previo da Deputación

O Goberno da Deputación dende a Área de Cooperación dos concellos elaborou un estudo previo que recolle as tipoloxías de liñas eléctricas coas que contan os concellos e a lonxitude de ocupación das liñas de tendidos eléctricos sobre os bens de titularidade pública municipal. Unha empresa especializada, a que resulte adxudicataria do proceso aberto a todas as entidades interesadas que se publicarán nos vindeiros días no BOP, elaborará o inventario de ocupación e aproveitamento do dominio público municipal de toda a provincia.

Sentenza favorable do Tribunal Supremo

O Tribunal Supremo de Xustiza ditou varias sentenzas favorables sobre ordenanzas similares nos municipios de Arteixo (A Coruña), Serradilla (Cáceres) e Villalcampo (Zamora). As sentenzas aceptan “a valoración dos devanditos concellos das liñas eléctricas e as canalizacións como construcións a efectos de cálculo da base impoñible da taxa por utilización do dominio público”. Sobre iso, o alto tribunal recolle que “non se trata de gravar un chan rústico de uso agropecuario, senón a utilidade que lle reporta ao suxeito pasivo a utilización privativa ou o aproveitamento especial do mesmo, con exclusión dos demais, para unha actividade netamente industrial consistente en transportar e distribuír enerxía eléctrica.” Por iso considera que unha taxa dese tipo é “de todo punto axustada ás esixencias legais”.

51 municipios adheridos ao convenio

Os primeiros 51 concellos que se sumaron ao proxecto da Deputación son: Abadín, Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Begonte, Bóveda, Castroverde, Cervantes, Chantada, O Corgo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Guntín, O Incio, Láncara, Lourenzá, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra de Brollón, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Riotorto, Rábade, Sober, Taboada, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xermade.