Leiceaga propón cambios na política forestal galega

O voceiro do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, urxiu a darlle un “cambio de raíz” á política forestal do goberno galego para superar o “fracaso” da xestión do PP. O responsable socialista adiantou hoxe as liñas mestras da proposta socialista ás conclusións da Comisión de Política Forestal da Cámara autonómica.

O responsable socialista criticou o “abandono” do monte galego por un goberno incapaz de conseguir un medio que producira rendas suficientes, parcialmente desprotexido, pasto dos incendios e sen ordenar. Fernández Leiceaga reivindicou unha política forestal dirixida a implantar un monte “máis participado” que faga “un mundo rural viable e multifuncional” que combine a función produtiva e a protección medioambiental.

Fernández Leiceaga presentou as sete liñas xerais da proposta socialista, que parten dun “monte ordenado” cunha estratexia que afecta á metade do monte produtivo nun prazo de 10 anos. Hoxe apenas está ordenado o 10 por cento do monte, co que podería regular 600.000 hectáreas nunha década, comezando polos montes de xestión pública e veciñais a partir de tres anos, e os montes de man común e privados en 10.

Reclamou en segundo lugar un “monte agrupado”, a partir de “calquera instrumento que funcione”, e sinalou que “non pode ser que para a Xunta só funcionen as Sofor e prescinda de calquera outro mecanismo”, e apuntou a incentivar a xestión agrupada dos terreos.

Ademais, defendeu un “monte multifuncional” para incrementar en 200.000 hectáreas o espazo destinado a gando extensivo en sistemas silvopastorís que supoñen ademais unha garantía de protección contra os lumes.

Propuxo a reforma do Banco de Terras de Galicia con máis competencias, recursos, persoal e compromisos que permita a xestión de terras privadas abandonadas, montes de Man Común e os que sexan cedidos para acadar un “monte mobilizado produtivamente”.

Fernández Leiceaga reclamou un “monte protexido” a partir dun acordo de custodia territorial, e un “monte diverso” no que non só existan eucaliptos. Neste sentido avogou por implantar unha regulación máis estrita con instrumentos de control territorial seguindo o modelo da APLU que sen prohibir a explotación de eucaliptos, garanta a diversidade de especies impedindo grandes masas monoespecíficas.

Finalmente reivindicou “revisar a gobernanza do monte” con novas figuras máis eficaces, logo de constatar que “non está suficientemente desenvolvida a separación entre a prevención e o control de incendios e a xestión da superficie do monte”. Apelou a “establecer unha división clara e fomentar a participación”.

Neste sentido propuxo, en primeiro lugar, a constitución de consellos de Participación nos distintos distritos forestais, que “estean pegados ao territorio e permitan máis control dos axentes involucrados”. Por outra parte, defendeu un Consello de Comunidades de Montes Veciñais e de Man Común que agrupe aos responsables destes montes “para que teñan peso e representación diante da Administración, como foro de debate e control da actuación da administración”.

Etiquetas