Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

O concurso de ideas para dinamizar Guitiriz xa ten gañador

Por 11 Xuño, 2018Sin comentarios

O pasado mes de maio máis dunha vintena de alumnos da Universidade da Coruña no 4º curso de simultaneidade de grao de Ciencias  Empresarias e Turismo, visitaron Guitiriz convidados polo Concello e acompañados polo profesor Mario Crecente Maseda. Era unha práctica na que se lles pedía coñecer o problema de Guitiriz despois do peche do hotel-balneario e amosar ideas-proxectos que axuden a dinamizar o Concello dende as posibilidades turísticas e empresarias..

Presentáronse 11 traballos dos que 8 están asinados por parellas e tres son de tríos. De todos eles, que o xurado calificou como “dunha calidade notable e que aportan ideas moi interesantes”, pero houbo un que destacou “pola claridade, a documentación aportada e a viabilidade case inmediata” e que resultou gañador.

A proposta consiste na construcción dun albergue na parte alta do edificio que alberga o bar do terreno coñecido como CIT de Parga. É unha construcción situada á beira do río Parga, na famosa Ruta da auga de Guitiriz e moi perto do novo trazado do Camiño Norte de Santiago. Está no contorno da Carballeira e do Campo da Feira un conxunto singular que só se pode atopar na vila guitiricense de Parga. Dentro do estudo plasman a posibilidade de contar con vinte prazas e os correspondentes dotacións de baños e duchas. Na parte baixa do edificio xa funciona un bar que lles podería servir almorzos, bocadillos e algún tipo de comida rápida. De materializarse a proposta contribuiría en gran medida a desestacionalizar o turismo e daría posibilidades a todo o ano contando coas excelentes posibilidades que aporta Parga: feira moi viva, entorno natural con río incluído, roteiro afamado, Camiño de Santiago, patrimonio importante…e nas proximidades outras múltiples ofertas.

O traballo gañador está asinado por Helena Filgueiras e Aida Padille. A comisión avaliadora estivo  composta polos profesores Carlos R. Carro, secretario xeral académico do CENP;, Mario Crecente Maseda, profesor de Xestión Turística do Patrimonio, e Regina Polín Rodríguez, alcaldesa de Guitiriz. O premio consiste en 200 euros e será entregado nun acto que terá lugar o día 14 de setembro no CENP da Coruña.

Para avaliar os traballos tivéreonse en conta os seguintes criterios: presentación, valor patrimonial, idea, viabilidade da proposta, utilidade e idea de marca para a promoción da zona.