Eurovisión 2018

Por Lucía Otero Gato

Este 12 de maio España vivía o Festival de Eurovisión tinguida de loito pola morte do que fora o comentarista para Televisión Española durante os últimos 7 anos, o gran José María Íñigo. Descanse en paz. O gañador do festival foi Israel, que se impuxo ao resto de concursantes coa canción “Toy”, interpretada por Netta Barzilai. Pola súa banda, España quedou no posto 23 con “Tu canción”, un tema composto por Raúl Gómez e Sylvia Santoro que Amaia Romero e Alfred García, concursantes de Operación Triunfo 2017, se encargaron de defender en Lisboa. A actuación de España, a pesar do resultado, foi moi boa. As sondaxes xa situaban ao noso país nos derradeiros postos do ranking, fronte aos países favoritos: Israel, Chipre, Suecia e Francia. Así pois, os vaticinios cumpríronse.

A mala posición acadada por España —posición habitual na última década, por outra parte—, xerou unha enorme polémica sobre se a canción elixida para representarnos era a máis idónea para o festival. Para moitos, “Tu canción” era demasiado lenta, cunha posta en escena extremadamente simple. Non obstante, a canción en si é

belísima; conta a historia de amor dos propios cantantes, Alfred e Amaia. E a capacidade vocal de Amaia e Alfred é excelente. Persoalmente considero que “Tu canción” é unha canción moi válida para Eurovisión, aínda que non encaixe á perfección con ese ‘estilo eurovisivo’ que algúns teñen na cabeza. Ademais, tampouco é que haxa un ‘estilo eurovisivo’ predeterminado. Recordemos que “Toy” é diametralmente oposta a “Amar pelos dois”, a canción de Salvador Sobral que lle proporcionou a vitoria a Portugal o ano pasado. Mención especial merece a fermosa canción coa que se presentou Francia: “Mercy”, do dúo Madame Monsieur. “Mercy” narra a historia dunha nena de Nixeria, Mercy, nacida a bordo dun barco de rescate no Mar Mediterráneo. Como dixo Émilie Satt, vocalista de Madame Monsieur, “Mercy” é “unha canción que simboliza a esperanza no horror”. É unha canción universal, representativa da emigración masiva e deshumanizada. Con todo, finalmente Francia quedou no posto número 13. Por outro lado, non podemos pasar por alto a gran exhibición de pirotecnia de Chipre coa súa canción “Fuego”, interpretada por Eleni Foureira. Fuego, nunca mellor dito, foi o que houbo no escenario. Case estivo a piques de arder o Altice Arena. Para rematar, gustaríame lembrar que o Festival de Eurovisión non deixa de ser un concurso, e ben sabido é que nos concursos non sempre gañan os mellores —ás veces si!—. E os concursos non son máis ca un reflexo da vida: un día estás arriba, ao día seguinte…, abaixo. Se non que llo pregunten a Portugal, que pasou de gañador a último de todos. O que está claro é que, obxectivamente, “Tu canción” de ningún xeito se merecía un posto 23 de 26. Se o que se xulga nese festival é a música e non a política, desde logo que nós este ano non deberiamos quedar nesa posición.