O PSOE critica a utilización de fondos públicos para sufragar a reposición do busto de Fraga

O Grupo Municipal Socialista vén de amosar a súa disconformidade co goberno local de Vilalba trala reposición do busto de Manuel Fraga, subtraído no pasado mes de novembro do pedestal no que se atopaba, situado na alameda da localidade. Os socialistas critican o proceder do Concello “actuando de forma unilateral, sen ningún tipo de consenso coa oposición e incumprindo os acordos acadados nun asunto tan polémico”. Os socialistas enganden que dita obra tivo un custe de 7.200 euros.

Así pois, no derradeiro pleno do ano pasado “Baamonde admitiu a controversia trala desaparición do busto e aceptou o compromiso de estudar o asunto nunha Comisión de Cultura, feito que nunca se chegou a dar”, salientou a voceira do PSOE, Elba Veleiro. Nesa mesma ocasión, “a nosa postura foi a de ter en conta todas as opinións e sondear o sentir da xente antes de someterse a un gasto que desde o Partido Socialista consideramos totalmente innecesario e partidista”. Emporiso, aseguran que pedirán a factura para que saia á luz o montante total “que sae dos petos de todos os vilalbeses e vilalbesas, e que o goberno do Partido Popular decidiu destinar a esta reposición a sabendas de que tiña á oposición, que representa no seu conxunto a un número maior de veciños e veciñas, en contra”, lembrou Veleiro.

Desde o PSOE tildan esta actuación como “nefasta e intolerable, pois seguen a actuar de costas á veciñanza e á oposición, empregando un proceder obsoleto e que pouco ten que ver coa democratización e o consenso, desprezando por completo a transparencia e o pluralismo”. Ademais, sinalan que “a historia deste pobo non se reduce aos caprichos dun PP que cada día deixa ver un pouco máis a distancia entre as súas preferencias e as da maioría das persoas de Vilalba”, conclúen.

Etiquetas