Quescrem recibe un premio do Clúster Alimentario de Galicia

O xurado dos IV Premios Galicia Alimentación 2018, convocados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), concedeu o Premio Galicia Alimentación 2018 á estratexia de mercado e internacionalización a empresa Quescrem, situada en Castro Ribeiras de Lea, “pola súa contribución á promoción da calidade e imaxe dos produtos galegos no exterior”.

O vindeiro xoves 14 de xuño terá lugar a cerimonia de entrega dos premios na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde estarán presentes co resto de empresas premiadas: Cafés Candelas, Premio Galicia Alimentación ao proxecto empresarial 2018 pola singularidade do seu modelo de negocio; e Conservas Portomar, Premio Galicia Alimentación ao produto innovador 2018 polo seu abalón en conserva. O xurado valorou a transferencia de coñecemento, a aposta pola innovación e a proxección internacional de todas as empresas galardonadas, entre as 56 candidaturas presentadas.

Clusaga destaca o papel de embaixadores de Galicia no exterior, así como a súa capacidade de exportación. Quescrem está presente en máis de 40 países repartidos entre os cinco continentes, realizando no exterior o 40% das súas vendas. En 2017 a facturación acadou os 11 millóns de euros, o que supuxo un crecemento do 25% respecto ao ano anterior, e xerou máis de 60 empregos directos.

Etiquetas