Skip to main content
Actualidade

A Northwest Triman terá lugar o domingo nas Pontes

Por 13 Xuño, 2018Sin comentarios

As Pontes acollerá, o domingo, 17 de xuño, a quinta edición do Northwest Triman, no que participarán 700 atletas, chegados desde todas as Comunidades Autónomas e Portugal, que se inscribiron na proba en apenas 24 horas.

Montserrat García, tenente de alcalde, e Jesús Tembrás, responsable da concellería de Deporte, participaron, xunto con membros da organización e patrocinadores, na presentación do único tríatlon distancia ironman que se disputa en Galicia, e que este ano, ao igual que nas edicións anteriores, tamén contará cunha proba de media distancia.

Durante a presentación da proba, García mostrou a satisfacción que para o Concello das Pontes supón contar, cada ano, con esta proba e subliñou que “esta cita deportiva é una data consolidada no calendario do municipio e repercute de xeito moi positivo na economía da nosa localidade, no sector hostaleiro e comercial, pero tamén no eido social, contribuíndo á proxección de As Pontes”.

A tenente de alcalde deu as grazas á organización, patrocinadores e a todas aquelas persoas que, de xeito desinteresado, fan posible que esta cita deportiva traspase as fronteiras. Tamén quixo agradecer ós veciños a súa colaboración e comprensión para lograr que esta proba sexa, ano tras ano, un éxito.

Jesús Tembrás, responsable da área de deportes do Concello das Pontes, sumouse ás palabras de Montserrat García e animou a veciños e visitantes a achegarse ó municipio para gozar dun espectáculo deportivo único en Galicia. O edil de deportes tamén puxo en valor o traballo levado a cabo pola organización, durante todo o ano, para lograr que a proba sexa unha cita ineludible para centos de deportistas e afeccionados ó tríatlon. Desexou moita sorte a todos os deportistas que participarán na proba e convidou ó público asistente a vivir e compartir a emoción polo esforzo dos atletas.

Nesta presentación tamén estiveron presentes José Ulfe, director de Zona de Abanca; Alejandro Pérez, director postventa de Audi Arrojo, María Sande, xefa de comunicación de Coca Cola European Partners Iberia e Ana Pérez Lago en nome de Gadisa; patrocinadores desta proba deportiva, quenes destacaron o traballo da organización nunha proba que xa é un referente en España. Agradeceron o seu esforzo e amosaron o seu compromiso cun espectáculo, de primeiro nivel, que está chamado a ser a gran festa do tríatlon.

Tamén asistiu a esta presentación Arturo López, representante da Federación Galega de Tríatlon, que amosou a súa satisfacción polo éxito da proba e o seu significado na consolidación no mundo do tríatlon, agradecendo o Concello das Pontes a súa implicación coa proba.