Skip to main content
Actualidade

A Deputación destina axudas aos concellos para a xestión de animais abandonados

Por 14 Xuño, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación Provincial, Darío Campos Conde, adiantou que o Goberno Provincial acordou destinar este ano un total de 680.000 euros á atención de animais abandonados na provincia, colaborando deste xeito ademais cos 67 concellos. Campos Conde explicou que a Xunta de Galicia transferiu as competencias legais de recollida e xestión de animais abandonados aos municipios sen ningún medio económico para poder asumilas.  Fíxoo a través da Lei 4/2017.

Campos Conde explicou que os 685.000 euros que achega este ano o Goberno da Deputación á atención de animais abandonados en toda a provincia distribúese do seguinte xeito:

– No Centro da provincia, o Goberno da Deputación acordou destinar case 400.000 euros. Desta cantidade, son 355.000 euros para ampliar e dotar de máis servizos ás instalacións da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, así como á adquisición dos subministros necesarios para a alimentación e coidado dos animais. Máis municipios da zona centro poderán adherirse, deste xeito, ao convenio coa Protectora para levar a estas instalacións animais abandonados. Polo de agora, están adheridos Lugo, A Pastoriza, Riotorto, Begonte, O Corgo, Becerreá, Portomarín e Castroverde. Hai capacidade para 400 animais.

Outros 40.000 euros son para a Asociación Animals Help, que ten a sede no Concello de Xermade. Estas instalacións prestan servizos aos municipios de Xermade, Castro de Rei, Mondoñedo e Guntín. A axuda do Goberno da Deputación é para adquisición dos subministros necesarios para a alimentación e coidado dos 100 animais para os que hai capacidade.

– No Sur da provincia, o Executivo Provincial achega 200.000 euros á construción dunha canceira. Campos Conde mantivo esta semana unha reunión con Alcaldes da zona, acordando situar estas instalacións en Monforte de Lemos ao tratarse do municipio máis céntrico do Sur lugués. Estas instalacións poderán acoller a uns 150 animais. Prestará servizo aos seguintes municipios: Antas de Ulla, Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso Do Courel, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas De Sil, Sarria, O Saviñao, Sober e Taboada.

– Na zona Norte, o Goberno da Deputación destina 85.000 euros á Asociación Protectora de Animais Valadouro–Alfoz. Estes fondos permitirán a ampliación da canceira que se sitúa no Valadouro para chegar poder acoller uns 30 animais. Estas instalacións prestarán servizo aos concellos do Valadouro, Alfoz, Muras, Lourenzá, podendo sumarse máis municipios.