A Deputación ofrece 5 accións formativas dentro do Lugowork para 75 persoas

O Goberno da Deputación ofrece 5 novas accións formativas para 75 lucenses menores de 30 anos no paro a través do LUGOWORK. Trátase do plan de emprego xuvenil participativo da provincia, que puxo en marcha o Executivo Provincial, cun total de 2 millóns de euros que captou da Unión Europea a través da EOI. Tras unha primeira fase de formación, os participantes terán a posibilidade de ser contratados en empresas da provincia co obxectivo de cubrir as necesidades que demanda o tecido empresarial na provincia.

Os interesados en participar nestes 5 cursos deberán estar inscritos no Rexistro de Garantía Xuvenil. Poden facer a súa solicitude ata o 30 de xuño, incluído, en www.deputacionlugo.gal ou en www.eoi.es.

5 novos cursos do LUGOWORK

1.- Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público: Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas online e offline.

2.- Aplicacións e Manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados – Drons: Este curso conta con 220 horas de formación e 15 prazas. Son impartidos en Lugo por profesionais do aeroclub de rozas. Con esta acción o organismo provincial cubre a necesidade de formación nun dos nichos de mercado en expansión con máis posibilidades de crecemento.

3.- Curso de Emprendemento: Está dirixido a 15 persoas que teñan unha idea de negocio e queiran montar unha empresa. Deste xeito, os participantes terán un titor asignado que os asesorará en aspectos coma os modelos de negocio, ou estratexias de vendas, entre outros. Este curso o impartirán profesionais da Fundación CELL.

4- Desenvolvemento en aplicacións Android: Esta acción formativa, que conta con 15 prazas. Nesta acción formativa, que conta con 15 prazas, os alumnos recibirán unhas 200 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender todo o relacionado co desenvolvemento nativo de aplicacións Android para poder crealas dende cero.

5– Técnico en automoción e de maquinaria agrícola: Neste curso, 15 lucenses recibirán unhas 250 horas de formación a través de contidos dirixidos a aprender operacións básicas de mantemento no motor e sistemas auxiliares en automóbiles e maquinaria agrícola, proporcionando os contidos teóricos e prácticos necesarios nesta rama.

EOI

A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira escola de negocios fundada en España, no ano 1955. O seu obxectivo é formar xestores do cambio con base social a través da dixitalización, o emprendemento e a sustentabilidade para contribuír á mellora da economía e das persoas. Como fundación pública adscrita ao Ministerio de Economía, Industria e Competitividade e coa  cofinanciación do Fondo Social Europeo, impulsou os negocios de máis de 52.000 novos emprendedores en España.

Etiquetas