A Xunta inviste en turismo rural na provincia

Turismo de Galicia inviste 821.760 euros en 31 proxectos de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural lucense que promoven outros tantos concellos e entidades locais.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo destas achegas é fomentar a accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da súa oferta turística.

Balseiro engadiu que o Goberno galego busca “un desenvolvemento turístico harmonioso, sustentable e equilibrado dentro do territorio, do que tamén se beneficien as zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”.

Así, mediante este programa de axudas, a Xunta financiará proxectos como a sinalización de rutas de sendeirismo na Mariña, da Ruta do Miño en Outeiro de Rei ou da Ruta da castaña e do mel na Pobra de Brollón.

Igualmente, melloraranse os accesos a monumentos como o castelo de Pambre, en Palas de Rei, e o de Castrodouro, en Alfoz, e tamén a paraxes naturais como a fervenza da Seimeira, na Fonsagrada, ou varios miradoiros na Ribeira Sacra, entre outros.

Tamén figuran entre os proxectos a executar a construción de áreas de aparcamento, instalación de cubrecontedores, iluminación ornamental, paneis informativos e diversas actuacións de recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos.

Esta liña de axudas é de concorrencia competitiva e está orientada a promover o embelecemento e a mellora da accesibilidade de puntos con potencial turístico. Inclúe a adecuación de espazos para estacionamento reducindo o impacto negativo que estes producen, recuperación de miradoiros, sendeiros ou rutas, soterramento de contedores, eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións ou mesmo restauración de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

As obras deben utilizar materiais construtivos que permitan a integración respectuosa coa contorna na que se atopa o recurso.

Etiquetas