Continua aberto a inscrición para o curso de verán sobre organización deportiva nas Pontes

As Pontes acollerá, entre o 28 de xuño e o 1 de xullo, o curso de verán Organización e xestión de entidades deportivas organizado pola Fundación USC Deportiva, en colaboración co Concello das Pontes, que ten como obxectivo brindarlles ós profesionais do sector os coñecementos e recursos precisos para adaptarse ás necesidades e desafíos da dirección, xestión e administración das entidades deportivas na contorna actual.

Jesús Tembrás, responsable da área de Deporte do Concello das Pontes, incide na importancia destas xornadas formativas, que permitirá converter á vila nun lugar de encontro dos profesionais do sector e nun referente no ámbito da xestión e a organización deportiva.

“Moitas entidades deportivas nacen da afección dos seus promotores e, en ocasións, a súa xestión non está profesionalizada. Con este curso, todas as persoas vinculadas ó mundo do deporte poderán adquirir nocións básicas sobre as necesidades e as competencias dos xestores deportivos, terán acceso ós métodos de traballo que empregan entidades deportivas de referencia e deste xeito, desde o Concello contribuiremos a promover entidades deportivas profesionais e competitivas das que sairán os deportistas do futuro”remarca Tembrás

Ó longo das tres xornadas, abordaranse, entre outros aspectos, cuestións como o liderato e o talento na xestión do deporte, a elaboración de plans de seguridade para eventos deportivos no eido local, o valor da sustentabilidade na organización de eventos deportivos, o futuro das federacións deportivas, o novo proxecto de lei do deporte, o uso das novas tecnoloxías no eido da xestión deportiva, o patrocinio ou o turismo deportivo como forma de promoción das entidades municipais.

José Villanueva Penas, sponsorship manager en Hijos de Rivera SAU; José González-Dans Vázquez, director xeral corporativo R.C. Deportivo de La Coruña; Cristina Pedrosa Leis, vogal do Tribunal Administrativo do Deporte e ex-membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva; Emilio García Silvero, ex-director do Departamento xurídico da Real Federación Española de Fútbol e actualmente é o director do Departamento de Integridade da UEFA e Leonor Gallardo, profesora titular da UCLM (acreditada a catedrática). Investigadora principal do Grupo IGOID e CEO de IGOID SPORTEC son algúns dos poñentes que participarán neste curso e porán á disposición de todos os asistentes os seus coñecementos e experiencia sobre o mundo do deporte.

Estas xornadas están dirixidas ós alumnos e alumnas dos grado de Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Administración e Dirección de Empresas, Dereito e Economía así como a alumnos e alumnas dos ciclos formativos superiores de Actividades Deportivas, profesionais do sector deportivo, xerentes, directores e directivos de entidades deportivas e técnicos deportivos.

Ten unha duración de 19 horas, o recoñecemento de 1 crédito ECTS e o seu prezo e de 70 euros (40 euros con taxa reducida). O número de prazas é limitado polo que é preciso inscribirse, antes do 15 de xuño, na seguinte páxina web www.usc.es/cultura/veran

Pincha aquí para consultar o programa.

 

Etiquetas