O Concello de Friol investirá 120.000 euros en arranxo de viais

O Concello de Friol realizará unha serie de melloras nos viais do concello que estarán subvencionadas desde a Xunta de Galicia, concretamente a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) con case 100.000 euros. Pola súa banda, o Concello inviste de fondos propios case 29.000 euros para custo do proxecto, dirección de obra e IVE.

Segundo explica o alcalde, José Angel Santos, este proxecto supón melloras en pistas municipais pertencentes distintas parroquias do concello de Friol, entre as que se atopan Roimil, San Cibrao, Villalvite, Rocha, Condes, Guldriz, Xiá e Madelos; pois debido a condicións meteorolóxicas adversas, o continuo tránsito de maquinaria pesada, así como o paso dos anos, foi deteriorando o seu estado. Entre as actuacións que se levarán a cabo atópase a limpeza e roce de vexetación, apertura de cunetas; bacheo de firme, dobre rego asfáltico; refino e planeo do tramo, etc.

Con este proxecto preténdese mellorar uns 17 quilómetros, que actualmente están en mal estado. De feito, o estado do pavimento está moi deteriorado polo que decidiuse actuar rexenerando prácticamente a totalidade.

O alcalde aclara que “É imposible reparar á vez os case mil quilómetros de pistas que comunican o noso concello por iso, proxectos deste tipo son de vital importancia para o noso Concello e para os nosos veciños. É importante que as vías se manteñan nun estado óptimo dada a gran importancia que teñen as mesmas na rendabilidade das nosas explotacións, polo que dende ou equipo de Goberno non escatimaremos en esforzos xa que temos como obxectivo que os nosos veciños dispoñan de redes viarias en bo estado”.

Etiquetas