Graduación na escola infantil pontesa da Barosa

Sesenta e cinco alumnos do primeiro ciclo de educación infantil da Escola Municipal A Barosa celebraron o sábado a súa graduación, acto ó que asistiron preto de 300 familiares e co que se despediron  desta primeira etapa formativa.

Foi un acto moi emotivo que contou coa participación do persoal da escola e no que tamén estiveron presentes o alcalde, Valentín González Formoso, a concelleria de Benestar Social, Isabel Fornos e outros membros do goberno local como Antonio Alonso, Jesús Tembrás e Antonio Castro, encargados de entregarlles os diplomas ós recen graduados que comezarán, o vindeiro curso, o segundo ciclo de Educación Infantil

Este acto celebrouse un días despois de que o Concello das Pontes aprobase, en xunta de goberno local, o expediente de licitación do proxecto de renovación e mellora dos pavimentos e carpinterías do centro educativo e de reposición de fiestras e portas.

Este proxecto, que ten un orzamento base de 65.710,96 euros, e que deberá estar executado antes do inicio do curso, o próximo 5 de setembro, permitirá mellorar o acceso principal á escola municipal e ampliar a carpintería, na rampla de entrada, para crear unha protección contra o vento e as condicións meteorolóxicas adversas. Tamén se procederá á mellora estética da fachada mediante a instalación de paneis decorativos.

As obras de acondicionamento inclúen a substitución dos pavimentos da rampla de acceso, do corredor interior e da súa zona anexa así como o acondicionamento do patio exterior co obxectivo de potenciar o seu uso, instalando céspede artificial e pavimento continuo de caucho.

O proxecto, que non afectará á accesibilidade do centro, executándose todos os accesos e recorridos e patios a nivel,  ten como obxectivo manter, conservar, mellorar e potencias o uso dunha instalación que ten un gran volume de usuario e una gran aceptación entre os ponteses.

Etiquetas