Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O PSOE presenta un decálogo para a protección do monte ante os incendios

Por 18 Xuño, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Socialista e o responsable de Política Forestal, Xoaquín Fernández Leiceaga, e José Antonio Quiroga, presentaron un documento de 100 medidas para encetar un “cambio radical” na Política Forestal da Xunta e na prevención e combate dos incendios. Trátase da proposta para as conclusións da Comisión de Incendios do Parlamento dirixida a integrar a “visión territorial, ambiental e produtiva” na política forestal nun horizonte viable de 10 anos.

Os socialistas galegos levan ao Parlamento un extenso documento elaborado nos últimos meses por unha comisión interna do PSdeG con participación de profesionais dos distintos ámbitos do sector co obxectivo de “darlle unha volta á política forestal da Xunta”. Fernández Leiceaga explicou que se trata dun sector estratéxico, que ocupa dúas terceiras partes do territorio e que xera o 2 por cento do PIB de Galicia.

Advertiu sen embargo que os rendementos privados son “insuficientes” mentres os custes sociais revélanse como “excesivamente elevados”, como demostran os incendios forestais recorrentes no monte galego. Cuestionou a política do laissez-faire –deixar facer- da Xunta, que levou a anarquía ao monte, para presentar propostas “viables e realizables e que van máis alá das meras declaracións de intencións” do goberno galego.

En primeiro lugar, propuxo un cambio na forma de afrontar os lumes en Galicia, “pasando de priorizar a extinción a priorizar a prevención” garantindo a profesionalización dos medios de prevención e evitando pasarlle o custe aos concellos, para o que resulta imprescindible a implicación do goberno galego. Propuxo por exemplo a “desaparición das Brigadas Municipais” para constituírse como elementos profesionalizados dependentes da Xunta.

Así, defendeu a constitución dunha Brigada de Investigación de Incendios en cada distrito e impulsar a ordenación progresiva das faixas de biomasa ao redor dos núcleos de poboación, comezando polas áreas de maior risco de incendios. Tamén propuxo contratos – programa coas agrupacións de propietarios e produtores forestais para asegurar a xestión en común das terras, especialmente nas que teñen elevado risco de incendio.

Ordenación do monte

O responsable socialista puxo o foco sobre a necesidade da “ordenación urbanística” dun monte con “demasiadas casas, demasiadas vivendas fora de ordenación e demasiado próximas ás masas de arborado” e propuxo que a tramitación dos PXOMs inclúan un informe de Medio Rural.

Os socialistas propoñen un modelo de monte “plurifuncional” que combine os diversos usos, como son a explotación de madeira, co mel, cogomelos ou turismo ecolóxico, entre outros, facendo “todo o posible para sexa compatible coa función medioambiental”. Advertiu que de 2 millóns de hectáreas de monte, só unha está destinada á produción de madeira, mentres hai 600.000 hectáreas de matorral e 400.000 cunha función protectora.

Urxiu a “actuar sobre o mix de especies”, fronte a un excesivo crecemento do eucalipto que cumpre “controlar”, mentres o aumento de frondosas autóctonas responde a unha rexeneración natural non regulada que compre mellorar. Neste sentido, propuxo garantir a participación parlamentaria na tramitación e seguimento do Plan Forestal e a elaboración dos Plans de Ordenación de Recursos Forestais de tódolos distritos en 5 anos.

Entre as propostas presentadas hoxe, defendeu a promoción e ordenación de sistemas silvopastorís e de gando extensivo para acadar en 10 anos 200.000 hectáreas de pastos extensivos. Defendeu que os soutos de castiñeiros computen para o pago básico da PAC, e o reforzamento de medios do Banco de Terras, incrementando as súas funcións para dinamizar o uso das terras.

Os socialistas defenden tamén a creación dun Consello de comunidades de Montes Veciñais, e o fomento das posibilidades de “acordos de custodia do territorio” con pagamentos compensatorios.

Retraso

Fernández Leiceaga urxiu a aprobar as conclusións da Comisión de Incendios do Parlamento, e lembrou o compromiso do PP de finalizar cos traballos deste órgano antes do período de risco de incendios. Neste sentido, reclamoulle ao presidente da Xunta que deixe consolidado o novo modelo de Política Forestal antes de marchar a Madrid, xa que advertiu que “non sabemos se está no tempo de desconto ou aínda quedan dous anos”.

Explicou neste sentido que o presidente da Xunta debe clarificar a súa intención “canto antes” para acabar coa parálise da Xunta e porque “non pode ser un presidente a tempo parcial”, e advertiu que “non son compatibles as dúas funcións” de presidente da Xunta e de candidato a líder do PP nacional. “se da o paso debe promover dende xa a súa substitución na Xunta, e se decide que non debemos coñecelo canto antes”.

En resposta a preguntas dos xornalistas, saudou a designación do ex alcalde de A Coruña Javier Losada como delegado do Goberno en Galicia, xa que se trata dun perfil que “cumpre con creces os requisitos” para o cargo, e que une “experiencia, capacidade e coñecementos” para desenvolver este novo papel institucional.

Consulta o documento neste enlace