Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

O grupo O-Xan presenta unha proposta para a convivencia co lobo

Por 20 Xuño, 2018Sin comentarios

O mércores 20 de xuño membros do grupo O-Xan presentaron a todos os grupos do Parlamento de Galicia o resultado de tres anos de reunións, intercambio de información e diálogo construtivo entre gandeiros, organizacións ecoloxistas e asociacións de cazadores para acadar unha visión xeral e unhas propostas definidas para a xestión sustentable do lobo en Galicia.

A situación actual é grave, cun incremento do 100% no número de ataques ao gando en só dous anos, e compre tomar cartas no asunto e traballar para reducir os ataques e a conflitividade.

Hai máis de ano e medio que O-Xan presentou varias propostas á Consellería de Medio Ambiente que non foron atendidas e esta segue a priorizar unicamente os pagos por danos cando estase demostrando que non reduce o problema e incrementa os custes para a administración. Esta estratexia xa se seguiu noutras comunidades cun claro fracaso a medio prazo.

Neste sentido, defenden que é necesario o desenvolvemento completo do Plan de Xestión do Lobo en Galicia, pois as medidas non poden quedar en pagar os danos (que van en aumento) e empregar remanentes (se os hai) para pagar pastores eléctricos aos gandeiros.

¿Quen forma parte de O-Xan?

O-Xan é un grupo aberto, no que se reúnen cada vez máis entidades, integrado por agrupacións gandeiras (UUAA, SLG, ACRUGA, OVICA, PURAGA, ASOPORCEL SGPF, AGACA) e gandeiros a título individual, cazadores (UNITEGA, UNAC, ASOCIACIÓN DE CLUBES DE CAZA MAIOR DE GALICIA), entidades conservacionistas (AGCT), organizacións profesionais (COETFOGA) e investigadores, técnicos e gandeiros a título individual. Todos os integrantes están unidos baixo un ideario común sustentado na afirmación de que “queremos e aceptamos o lobo en Galicia nunha coexistencia corresponsable” e sobre o que se desenvolveran unhas liñas de traballo que tentarán aportar o diálogo e acordo necesarios para a conservación do lobo e da actividade humana a longo prazo.

Consulta o informe sobre os ataques de lobos en Galicia