Vilalba Aberta pide un cambio na sinalización dos accesos á vila

A asemblea de Vilalba Aberta vén de presentar unha proposta marco de substitución, co obxectivo de que o Concello de Vilalba inste ao Ministerio de Fomento a redefinir a sinalización dos accesos ao casco urbano dende a A8 e dende a estrada de San Xoán de Alba. Unha iniciativa, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de xullo, que complementarán pola vía dunha actuación directa e coordinada a través do Grupo de En Marea no Congresos dos Deputados e nomeadamente co seu voceiro e deputado pola provincia de Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello.

Tal e como explicaba o voceiro da formación, o edil Modesto Renda, trátase por unha banda das actualmente delimitadas coma N-634 Vilalba, C.P-6513 Momán, Vilalba, A Madalena e Vilalba, Ferrol AG-64, LU-861, que pasarían a estaren indicadas coma N-634 Alba, Vilalba Sur, C.P-6513 Momán, Vilalba Centro e Vilalba Norte, Ferrol AG-64, LU-861, respectivamente.

Por outra, a proposta de Vilalba Aberta fai fincapé tamén nos accesos á vila pola estrada de San Xoán de Alba, onde as actualmente definidas coma A Cruz, E-70 A8, Lugo, Coruña, A Cruz e a N-634 Vilalba, A Torre pasarían a delimitarse coma Alba, E-70 A8, Lugo, Coruña, Alba e N-634 Vilalba Sur.

Neste senso, as indicacións tanto do barrio da Cruz coma a última de Alba na N-634 en dirección Vilalba, suprimiríanse ao no atopar sentido no contexto da nova sinalización.

Ademais, dende a asemblea de Vilalba Aberta solicitarán do Concello e de Fomento o proxecto orixinal da Rotonda da estrada de Alba, no cal, e tal como recollen as testemuñas dos veciños da parroquia, se daba unha solución integral a moitos dos perigos de circulación viaria aos que día a día se enfrontan.

A formación asemblearia toma así a iniciativa diante dunha vella reivindicación dos veciños/as de vila e parroquia, así coma diante das frecuentes queixas de peregrinos e turistas en base ao confuso dos accesos.

Etiquetas