Lareira de Soños di que está parado o proxecto de restauración dos frescos da igrexa dos Vilares

A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños crítica o nulo interés das administracións na restauración das pinturas murais da igrexa dos Vilares (s. XVI) despois de medio ano de terse aprobada a restauración na Comisión de Cultura do Parlamento Galego cos votos favorables de PP, BNG, A Marea e a abstención do PSOE.
Os membros desta asociación aseguran que “medio ano despois non se tem dotado de previsión orzamentaria esta execución, non teñen tomado contacto entre as partes (Xunta, Deputación, Concello e Igrexa) tal e como acordara a Comisión de Cultura e só os técnicos de Patrimonio e os autores do proxecto teñen cumprido coas súas obrigas”.

A Lareira de soños tense posto en contacto con Patrimonio e instado á diócese de Mondoñedo-Ferrol  (titular da igrexa) a solicitar a intervención urxente debido ao alto grado de deterioro dos frescos renacentistas dos Vilares.

“O baixo interés das diferentes administracións á hora de recuperar esta xoia de arte relixiosa da autoría do Mestre de Parga agranda aínda máis o perigo de desaparición definitiva dos murais, que con unha actuación relativamente barata, tería nuns meses recuperado o seu esplendor”, afirman.

A Asociación volverá insistir na situación dos frescos e na necesidade de acometer actuacións inmediatas, para o cal só é preciso dotalo economicamente, pois hai proxecto adaptado ás esixencias da Dirección Xeral de Património, hai permiso da diócese e se teñen realizadas as revisións técnicas in situ dos frescos.

“Despois de catro anos reclamando nas distintas institucións a atención a esta xoia do patrimonio relixioso chairego a degradación das pinturas fai que entren na UCI do patrimonio sen ningún tipo de coidado nin interese por salvalos nun preocupante pasotismo administrativo”, concluén.

A igrexa na que foi batizado o poeta Díaz Castro, coa orixe no século XII, é para esta asociación un calvario que leva tamén medio ano cun cruceiro partido. Trátase dun pedazo de patrimonio que contén un sartego único e varios retábulos de gran valor, lugar de reunión de milleiros de romeiros na Romaría dos Desamparados, “que padece o abandono político dos diferentes gobernos e responsables que levam anos facendo ouvidos xordos ás voces de alarma de veciños e profesionais”, din.

Etiquetas