As Pontes clausura o seu obradoiro de emprego Eume

O Concello das Pontes clausurou, esta mañá, o obradoiro de emprego Eume promovido pola Concellería de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego para para favorecer a inserción laboral no municipio e impulsar o emprego estable e de calidade.

Durante o acto, que contou coa presenza da tenente de alcalde, Montserrat García e o director xeral de orientación e promoción laboral da Xunta de Galicia, José Alfonso Marnotes González, fíxose entrega dos diplomas acreditativos ós doce alumnos que participaron nesta acción formativa.

Montserrat García felicitou ós alumnos e destacou o alto índice de inserción laboral destas accións formativas a través das que “o concello das Pontes ofrece unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para que os alumnos que participan nestes obradoiros poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.

A través do obradoiro de emprego Eume un total de 12 alumnos recibiron formación teórica e práctica sobre atención sociosanitaria a persoas no domicilio. O obxectivo desde programa, en palabras de García, era “procurar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais, para deste xeito favorecer a súa inserción nun sector cun alto volume de demanda de profesionais, especialmente no noso municipio”.

Formación sobre atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás, organización do domicilio de persoas dependentes foron algúns dos contidos que formaron parte do programa formativo mentres que, durante o período de prácticas, os alumnos puideron desenvolver os coñecementos adquiridos participando no programa de Axuda no Fogar do Concello das Pontes

O programa tivo unha duración de 1.440 horas e contou con diversos módulos de formación complementaria en novas tecnoloxías, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais ou técnicas de procura de emprego; formación orientada a que os beneficiarios do obradoiro creasen un proxecto profesional-persoal que lles permitise a inserción no mercado laboral.

O orzamento deste obradoiro foi de 207.975 euros, dos cales 167.975 euros foron aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 40.000 euros polo Concello das Pontes.

 

Etiquetas