Falece o escritor chairego Xabier Docampo

O mestre, pedagogo e escritor chairego Xabier P. Docampo finou aos 72 anos de idade. Docampo naceu en 1946 en Rábade, aínda que dende hai décadas residía na Coruña. Con ducias de libros publicados, converteuse nun dos grandes renovadores da literatura infantil-xuvenil galega, obtendo ademais numerosos galardóns e recoñecementos como o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, recibido en 1995 pola obra Cando petan na porta pela noite, e tamén foi merecedor do White Ravens en 1997.

Docampo traballou como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Perteneceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación e participou activamente na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, de cuxa Xunta directiva formou parte durante cinco anos. Deu cursos a profesores e relatorios en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estrutura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica.

Nos últimos anos seguiu moi vencellado a distintas iniciativas sociais, culturais e políticas, da que unha mostra son os varios artigos publicados en Praza, tralos incendios que arrasaron as Fragas do Eume ou tralo nacemento do fillo de Alberto Núñez Feijoo, en relación coa defensa da lingua galega. Unha das máis recentes foi a demanda da recuperación do estudo da Filosofía para todo o alumnado do Bacharelato. 

Etiquetas