O PSOE acusa ao PP de impedir unha comisión técnica de seguemento da velutina

O portavoz de Gandaría do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, criticou a “opacidade” demostrada polo PP e a Xunta de Galicia, que se negaron a dar cabida ao Laboratorio Fitopatolóxico e ás asociacións apícolas na Comisión Técnica de Seguimento da vespa velutina. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei para darlle natureza formal a este órgano e que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista reclamou as actas do dito órgano, que na actualidade está integrado polas consellerías de Vicepresidencia, Medio Rural e Medio Ambiente e a Fegamp. Criticou que o goberno galego se negue a entregar os documentos porque, segundo sinala a Xunta en resposta escrita, a Comisión “non é un órgano formal senón un grupo de traballo, polo que non se levantan actas das súas reunións”.

Pérez Seco urxiu a “traballar todos xuntos” para facer fronte a un problema de primeiro nivel, como é a praga da vespa velutina, polo dano económico e medioambiental que está a producir “o mundo rural en xeral e nos produtores de mel e froita en particular”.

Este é o motivo polo que reclamou a presenza no dito órgano tanto do Laboratorio Fitopatolóxico como dos principais afectados polo problema, como son as asociacións de apicultores. Ademais, reclamou “que se levanten actas das reunións para tratar de facer a Comisión o máis operativa posible, achegando os resultados dos debates á cidadanía en xeral e aos afectados en particular”.

Etiquetas