O BNG de Outeiro de Rei presenta unha ordenanza para regular a actividade forestal

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de anunciar a presentación para o próximo pleno do concello de Outeiro dun proxecto de ordenanza que regule a corta, amontoamento e saca de madeira no termo municipal de Outeiro de Rei.

A actividade de corta e saca de madeira ten cada día máis importancia e fai que se deterioren especialmente as pistas polas que circulan e traballan, dado que estas non están preparadas para os tonelaxes da maquinaria que estas empresas utilizan. Ademais disto, estas empresas moi a miúdo atacan as cunetas as poder entrar e saír das fincas, non repoñendo o estado orixinal cando rematan, provocando que a auga circule polas calzadas cando chove, co conseguinte deterioro da calzada.

O amontoamento de madeira con pouco control nas beiras das estradas ou pistas tamén é habitual, deixando cantidades de restos forestais nestas beiras ou nas propias calzadas, restos que en moitos casos quedan aí moitos meses sen que sexan retirados.

Aínda que como é lóxico, o concello ten que permitir, e incluso fomentar, as actividades económicas no noso municipio, tamén é a súa obrigación que os efectos negativos desta actividade non repercuta sobre o conxunto da cidadanía, sendo obriga deste poñer uns límites e unhas regulacións para que isto non aconteza.

“As empresas que teñen a súa sede no concello, así como o conxunto da veciñanza,  teñen que pagar unha serie de taxas e impostos polos servizos que reciben así como pola propia actividade económica que realizan. Por iso, resulta lóxico que as empresas foráneas que traballan dentro no noso concello tamén colaboren en sufragar os gastos que ocasiona esa actividade económica coa que se lucran”, insistiu o voceiro do BNG.

Nesta ordenanza que se presenta obrigaríase ás empresas a comunicar esta actividade con antelación, repoñer ao seu estado orixinal os terreos público nos que leven a cabo a súa actividade ou de sufragar os danos que poidan provocar con ela. Do mesmo xeito, regúlase cunha serie de sancións económicas a vulneración da regulamentación contida nesta ordenanza.

Tamén se contempla que calquera empresa que realice estas actividades deba ter un seguro de responsabilidade civil para cubrir os posibles danos que provoque, tendo que aportar unha fianza no caso de carecer deste seguro.

Esta proposta preséntase despois de que o Alcalde tivera afirmado nun pleno que non existía ningún tipo de regulación nin se abrira ningún expediente en ningún momento debido á actividade destas empresa no concello.

Etiquetas