Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta incentiva a celebración do Día do Orgullo LGBTI

Por 27 Xuño, 2018Sin comentarios

Vilalba Aberta organiza por segundo ano consecutivo a celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTI, que se celebrará baixo o lema Orgullo baixo a Pravia: Celebrar a diversidade, reivindicar a igualdade cun programa de actividades fixado para as 18h do venres 6 de xullo.

Fai un ano que esta entidade celebrou a primeira edición desta festa, “un chamado á mobilización, pensado e deseñado meses antes a través dos continuados debates no seno da asemblea, que forma parte xa do imaxinario colectivo do Concello por ser nin máis nin menos que o que posibilitou a celebración por primeira na historia de Vilalba dun Orgullo LGTBI. Un fito histórico, que un 28 de xuño de 2017 ateigou a Praza da Constitución e que neste 2018, e tal e como veñen de confirmar dende a formación asemblearia, contará coa a súa agardada continuación”, explican.

No programa de actividades a comezar a partires das 18h inclúense música, lecturas e o Taller Contos Diversos, organizado coa colaboración da Asociación de Familias de Menores Transexuais. A formación asemblearia pretende confluír por segundo ano consecutivo coa veciñanza de Vilalba na defensa das e dos que non poden expresar a súa sexualidade con liberdade, pois, e en palabras do seu voceiro, o edil Modesto Renda “Ningunha sociedade pode ser considerada coma democrática e plural se se manteñen ou alimentan situacións de exclusión e de rexeitamento cara a unha parte dos seus membros”

É por isto que chaman á participación masiva nunha xornada que levará á Praza de Suso Gayoso a visibilidade e a reivindicación dun festexo, ata o de agora, reducido no País ás celebracións das principais cidades e que rematará coa lectura dun manifesto a cargo do veciño e activista LGBTI Noel Dopazo Váquez.