Tecores da Terra Chá contarán con certificación de calidade

Os tecores de Terra Chá e Negueira de Muñíz serán os primeiros en toda Galicia en contar coa etiqueta Wildlife Estates que certifica a súa calidade faunística e recoñece a excelencia na xestión da biodiversidade existente.

Deste xeito as superficies de ambos tecores súmanse a un conxunto de máis de 1.600.000 hectáreas que, distribuídas en 17 países da Unión Europea, están recoñecidas por esta entidade certificadora como xestores exemplares desde o punto de vista ambiental e faunístico.

No caso do tecor de Negueira de Muñíz conseguen renovar este recoñecemento xa que logo levan sete anos formando parte deste selecto grupo e no caso da Terra Chá recibirán mañá a súa etiqueta de calidade, nun acto previsto ás 11.30 horas no Museo das Aves de Feira do Monte, en Cospeito.

O Tecor da Terra Chá dispón de máis de 200 especies de vertebrados catalogados, dos que só entre seis e oito teñen interese cinexético, polo que, en realidade, son un auténtico reservoiro da natureza, incluíndo tamén a súa riqueza forestal e paisaxística.

Así o explicaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do delegado da entidade certificadora en España, Carlos Otero Muerza; de Jaime González Penelas, presidente do Tecor Terra Chá; de José Luis Lodos Ferreiros, presidente de honra do Tecor de Negueira de Muñíz e o experto cinexético Francisco García-Bobadilla.

A etiqueta Wildlife Estates foi deseñada de acordo coa política ambiental e dentro dos parámetros lexislativos que establece un dos socios promotores a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Unión Europea. As fincas e territorios que locen este distintivo, ademais de asinar unha carta de compromisos e pasar a correspondente auditoría ambiental, superan avaliacións periódicas que como as medidas de prevención de incendios, dispoñibilidade de auga e comida, fomento da diversidade, boas prácticas agrogandeiras e programas de comunicación, entre outros.

Etiquetas