Santa Isabel acollerá o 14 de xullo a V edición do Convivio da Cultura

A Carballeira de Santa Isabel acollerá a V edición do Convivio da Cultura Galega, que se desenvolverá o próximo 14 de xullo a partir das 11.30 horas. Os actos arrincarán na Casa-Museo Manuel María coa acollida de participantes e a actuación do grupo de música tradicional Untia e do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Ás 12.30 haberá ofrenda floral a Manuel María no cemiterio de Outeiro seguida dun concerto da Banda Municipal de Música Sons e Soños de Rábade-Begonte-Outeiro, dirixida por Armando Morales Blanco, na Carballeira de Santa Isabel.

Como sempre, a comida terá lugar na carballeira a partir das 14.00 horas e ás 16.30 comezarán os espectáculos co representación de títeres a cargo do grupo de teatro Pereira de Lobos, que representa Berenguela. Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo.

Ás 17.00 horas comezará a foliada, para cantar e bailar, con distintos grupos de música tradicional (Untia, Treboada, Birloque Gaiteiros, Coitelo de pau, Parabéns, Reviravolta, Cantareir@s.comTigo…). A animación correrá a cargo deXurxo Souto. A asistencia é libre.

Etiquetas