Corazón de cantería

Por Antón de Guizán

É moita a xente que relaciona a parroquia dos Vilares co seu veciño máis importante, o poeta Xosé María Díaz Castro ou pola tradición do oficio dos trapeiros e trapeiras, pero son menos as persoas que relacionan á segunda parróquia de Guitiriz con outro dos seus oficios máis representativos, o de canteiro. Aínda que o concello ten creado hai pouco tempo o roteiro da pedra e Díaz Castro que relaciona estes importantes simbolos, o certo é que pouco se ten escrito deste feito a pesares de ser as penas unha parte fundamental da paisaxe vilarega, como corazóns que saen do corpo da terra. A mítica Pena de Roldán é a máis coñecida entre centos e que forma parte das lendas da Galicia Encantada de Antonio Reigosa.

Raúl Río xuntou a pedra e a poesía de Díaz Castro esculpindo o busto do poeta nas Reixas e gravando a cincel as figuras de Castelao e do demo na Pena da Grallas. Genaro Pérez e Yasmina Seijas contan no seu libro sobre as pegadasda cultura e a natureza en Guitiriz que entre os anos 40 e 60 do pasado século, Os Vilares contaba con 50 dos 92 canteiros de todo o concello e 10 de 26 carreteiros mentras que Parga apenas contaba con sete a pesares de ter unha sona debida a que ate mediados dos 40 era capital do concello e posiblemente tamén ás canteiras de granito alí existentes. Estas cifras dan unha idea real da importancia deste oficio non só na parróquia senón no conxunto da comarca, pois o seu traballo trascendía fóra dos limites dos Vilares. Na memória quedan aínda grandes canteiros vilaregos como FranciscoPrieto Miragaya, da casa de Soprón,  Manuel de Reburdiños, Xosé Pena, Eustaquio de Castro (autor das caliveras do vello camposanto), Alvaro de Drada, Pepe de Novás, Emilio da Tolda, e máis recentemente Luis de Farruquete ou o coñecido Xavier Quijada, orixinario doutra terra chairega de canteiros, Donalbai de Begonte. A pedra de Guitiriz está presente no mosteiro de Sobrado, no panteón dos Andrade, no Centro Galego da Habana ou no edificio do Banco de España da Coruña. Tamén o xenial Gaudí contou con granito (e canteiros) do lugar para moitos elementos da monumental Sagrada Familia en Barcelona. Foron tamén canteiros dos Vilares con pedra da Pena do monte do Viso, entre eles gregório, avó de Raúl de Río (trapeiro de Honra 2018) os que construiron a súa obra social e educativa máis importante para os veciños, a escola Habaneira da Conchada coa iniciativa e aportación económica dos emigrantes en Cuba e que con 95 anos de existencia conserva aínda en bó estado a súa estructura. Mudaron os tempos e os oficios, as novas tecnoloxís sustituiron ás vellas ferramentas e os novos materiais de construcción incorporaronse á vida diaria, máis a arte e o oficio pervive aínda en algúns deses homes rexos como o granito da pena das Aparracelas, un espíritu daqueles canteiros-artistas que está a ser protexido pola Asociación Cultural Xermolos nos talleres e inicitivas que desenvolve para que o noso pasado siga a ser a columna de pedra que sostente o noso futuro.

Esculturas, cruceiros, palleiras, pozos, casas, muíños, pontes, lavadoiros, capelas, igrexas, etc, son hoxe testemuñas silenciosas do bó facer destes artistas da pedra na súa parróquia, porque Os Vilares ten corazón de cantería…