Seguen as melloras no taller de Manuel Mallo en Begonte

O Concello de Begonte promoveu a recuperación dun antigo proxecto para abrir unha escola de cantería no antigo taller de Manuel Mallo; o lugar onde este artista traballou durante anos, e onde creou grandes pezas como columnas, capiteis ou ventás que enviou a grandes e recoñecidos proxectos como a Sagrada Familia de Barcelona.

A idea é rematar coa cuberta para que o taller do escultor sexa un centro de formación en cantería profesional, ou centrado na rehabilitación ou a construción, e conte con locais para que os emprendedores poidan iniciar a súa actividade nestas áreas.

A obra conta cun orzamento de 131.498 euros máis IVE e foi adxudicada no ano 2015. Suplusa é a sociedade que acomete esta obra e a súa reparación permitirá que o Concello lle dea a utilidade que busca e con elo crear novos empregos relacionados coa cantería.

MANUEL MALLO

Desde os anos 70, Manuel Mallo traballou no seu taller de Begonte preparando a súa especial achega ao Templo da Sagrada Familia de Barcelona. Usando os escasos planos realizados polo arquitecto catalán e en colaboración co equipo de construción do templo, Mallo tallou en pedra as columnas de máis de corenta metros de altura e os seus capiteis que configuran as naves centrais e laterais.

Forman este conxunto de pezas a principal arquitectura do interior do edificio. Estas espectaculares pezas foron realizadas con granito das canteiras de Fraguas, en Guitiriz e logo transportadas por estrada ata a cidade de Barcelona.

 

Etiquetas