Os veciños de Meira disporán dun campo de fútbol totalmente renovado

O Executivo da Deputación aprobou este venres en Xunta de Goberno o proceso de contratación das obras de reparación do terreo de xogo no campo de fútbol municipal de A Lomba, no Concello de Meira. Así o avanzou o Presidente, Darío Campos Conde, quen subliñou que “con estes traballos damos resposta a unha demanda dos veciños e veciñas deste municipio, acometendo unhas actuacións moi necesarias, pois o terreo de xogo do campo atópase nun estado de deterioro que impide o correcto desenvolvemento da práctica deportiva”.

As obras, que contan cun orzamento base de licitación de 48.400 euros, contemplan a renovación integral do céspede, así como do sistema de rego. Actualmente, o campo conta cunha drenaxe moi deficiente, o que provoca un mal estado do terreo de xogo, intensificado durante os meses de inverno polas choivas, co consecuente risco de lesións para os usuarios”.

Deste xeito, as actuacións previstas permitirán restablecer unhas condicións idóneas para que os xogadores do Meira Fútbol Club, que empregan estas instalacións a cotío o poidan facer con todas as garantías de seguridade. Unha vez contratadas as obras, establecerase un prazo de execución de 15 días naturais para os traballos de reparación, ao que haberá que engadir 3 meses ao largo dos cales se realizarán labores de mantemento e posta a punto.

MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS PÚBLICAS E MUNICIPAIS

O Goberno da Deputación leva achegado nos último ano e medio uns 2,7 millóns de euros só na mellora de instalacións deportivas públicas e municipais. Os investimentos que aprobou por dita cantidade son os seguintes: As Nogais: cuberta da Pista de Tenis: 76.872 euros; Baralla: piscina na praia fluvial, 119.000 euros; Burela: vestiarios e accesos ao Campo de Fútbol da Marosa, 100.000 euros; Carballedo: 1ª fase da construción dun Campo de Fútbol de herba artificial, 99.387 euros; Cervo: pista de Padel, 92.637 euros; Chantada: acondicionamento do Pavillón Deportivo, 80.000 euros; A Fonsagrada: melloras no Campo de Fútbol, 71.059 euros; Foz: construción dun novo Hangar de Piragüismo e renovación do campo de fútbol, 200.000 euros; Guntín: mellora no Campo de Fútbol, 34.000 euros; Láncara: nova Pista Multideportiva, 39.995 euros; Lourenzá: mellora de equipamentos deportivos, 7.083 euros; Lugo: novo céspede artificial dos campos de fútbol de Frigsa e A Cheda, 500.000 euros; Monterroso: alumeado do Campo de Fútbol, 60.468 euros; Navia de Suarna: equipamento deportivo e mellora da Pista Multideportiva, 19.226 euros; O Corgo: piscina na praia fluvial Chamoso e Campo de Fútbol, 291.204 euros; O Valadouro: substitución da cuberta e melloras nas instalacións do pavillón deportivo, 40.000 euros; Ourol: reparación da Pista Polideportiva, 37.256 euros; Outeiro de Rei: Campo de Fútbol e Pista de Atletismo, 30.000 euros; Palas de Rei: Campo de Fútbol, 230.000 euros; Pantón: marcador dixital para o Campo de Fútbol, 2.788 euros; Ribeira de Piquín: melloras no Pavillón Deportivo, 17.311 euros; Sober: mellora do Campo de Fútbol, 57.955 euros; Taboada: implantación de céspede artificial no campo de fútbol, 170.000 euros; Trabada: arranxo do Pavillón Municipal, 39.700 euros; Xove: Campo de Fútbol de herba artificial, 250.000 euros.

Etiquetas