Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes compra unha finca en Bermui

Por 11 Xullo, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes formalizou a compra dunha finca na parroquia de Bermui, situada ó lado do edificio da antiga escola, sede da asociación veciñal, para o seu posterior acondicionamento.

Esta adquisición dá resposta a unha antiga demanda da veciñanza, posta en coñecemento do goberno local en diferentes xuntanzas e nas que os membros da directiva da asociación veciñal manifestaron, entre outras cuestións, a necesidade de contar cunha zona de aparcadoiro, un espazo de esparexemento e levar cabo unha posible ampliación do local social xa que, na actualidade, por falta de espazo de uso público, algunhas das actividades teñen que desenvolverse na asociación veciñal de Ribadeume.

O Concello de As Pontes puxo en marcha os mecanismo necesarios para dar resposta a esta petición e onte, tras a taxación dos técnicos, formalizou, ante notario, a escritura pública da finca contigua á vella escola.

A finca que ten unha extensión de 3.560 metros cadrados e foi adquirida por 16.193 euros, permite darlle continuidade ó plan trazado polo goberno municipal para impulsar o desenvolvemento socioeconómico do rural pontés, fixar poboación nas parroquias e mantelas vivas e dinámicas.

O presidente da Asociación de Veciños de Bermui e outros membros da directiva amosáronse moi satisfeitos con esta nova xa que supón o cumprimento do compromiso adquirido polo Concello de As Pontes coa veciñanza da parroquia.

Pola súa banda, Montserrat García, edil de Atención, Participación Cidadá e Desenvolvemento Local subliñou que: “desde o goberno local xa se están mantendo conversas coa asociación para decidir as actuacións que se levarán a cabo nesta finca que, desde onte, forma parte do inventario patrimonial do Concello”.

Esta compra completa a folla de ruta deseñada polo goberno local para promover a participación cidadá no municipio e na que tamén se inclúen a recuperación de antigos inmobles en desuso, o acondicionamento de espazos en edificios públicos así como as achegas municipais anuais dirixidas a cubrir os gastos derivados das actividades que levan a cabo estas entidades, os gastos en infraestruturas e equipamentos.