O Festival de Pardiñas pecha o seu programa

 Outro ano máis, Pardiñas terá o seu festival máis coñecido, que este ano se celebra os días 3, 4 e 5 de agosto. Sen dúbida, é un dos festivais máis esperados do verán, ademais de ser unha boa oportunidade para gozar en directo das actuacións de recoñecidos grupos. Ao longo dos tres días, todos os asistentes poderán gozar coa mellor música e o mellor ambiente. Este evento,  organizado pola asociación Xermolos, achégase ás catro décadas ininterrompidas de propostas culturais, e se todo é como todos os anos, espéranse preto de 30.000 personas.

O Festival de Pardiñas, situado na zona do antigo balneario, é o evento máis lonxevo de Galicia con 38 edicións. Conta coa entrega de premios do certame de debuxo escolar, unha mostra de artesanía e unha carreira popular que están presentes desde a súa primeira edición.

O festival arrincará o venres 3 de agosto coa celebración do VI Certame de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz, que encherá os locais da vila con música e moitos turistas.

O sábado 4 a partir das 16:00 comezará o aberto de billarda, para despois abrir a XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e a XXXIX Mostra de Artesanía. O pregón estará a cargo de Xan Silvar e Raparigos.

Xa pola tarde comezarán os concertos con Maraghotas, Bloquinho de Xermolos, Faíscas da Pontraga, TT Syndicate, Kumbia Boruka e Banda Xangai. E ás 19:00 será a carreira popular.

O domingo 5, as actividades comezarán ás 11:30 coa XXV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e a XXXIX Mostra de Artesanía, seguido da sesión vermú con Turre´s band para amenizar, e do pregón de Carlos Meixide. E xa pola tarde, volve a música con Airiños da Freba, Xosé Lois Romero & Alibora, Sin a Deir So e Turre´s Band.

 

Etiquetas