Skip to main content
Actualidade

O Concello das Pontes aumenta o seu número de traballadores

Por 16 Xullo, 2018Sin comentarios

O Concello das Pontes reforzou, desde o mes de maio, o seu cadro de persoal laboral, grazas á asignación de fondos propios e á concesión de diferentes subvencións procedentes da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.

Son 43 empregados que chegan para reforzar, durante a época estival, diferentes departamentos municipais. José Alén, edil de Réxime Interno e Recursos Humanos, remarca a importancia que para o municipio ten este aumento do persoal que “fará posible, entre outras cuestións, mellorar os servizos municipais de limpeza e obras, vixiar a seguridade dos bañistas na praia do Lago, previr e loitar contra os incendios ou atender a persoas en situación de dependencia no domicilio, ó tempo que permite continuar promovendo a xeración de emprego na vila”.

Os novos empregados, que na súa maioría xa se incorporaron os seus postos de traballo na administración local, son 20 peóns de obras e limpeza que levarán a cabo traballos de interese xeral do municipio. Quince peóns foron contratados grazas a fondos propios e una liña de axuda habilitada pola Deputación da Coruña a través do Plan de Integración Laboral e, outros cinco grazas a unha subvención autonómica para a contratación temporal de persoas en situación de risco de exclusión social, perceptoras da Risga.

Tamén se levou a cabo a contratación de 13 persoas para as brigadas contra incendios que constan de 3 condutores motobomba, dous xefes de brigada e 8 operarios peóns. Estas contratacións realizáronse no marco do convenio de colaboración asinado entre o Concello de As Pontes e a Consellería de Medio Rural para a prevención e a defensa contra os incendios forestais.

Por medio de diversas achegas, provintes da Deputación da Coruña, e aportacións municipais tamén se incorporaron ó persoal do Concello dous técnicos de turismo para o punto de información turística, situado na contorna do Lago; un técnico para o Centro de interpretación medio ambiental así como un socorrista, que se unen a un peón de silvicultura, contratado a través de Aprol Rural, e un socorrista que se incorporou á plantilla a través dun programa autonómico e fondos municipais.

A súa vez,  a través de fondos propios, o Concello fixo efectiva a contratación de catro auxiliares de axuda a domicilio, que se suman ó persoal do programa municipal de atención a domicilio, e que realizarán tarefas de atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás e na organización do domicilio a persoas dependentes da vila.