A Xunta inviste en dinamización lingüística en Vilalba e Outeiro de Rei

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria impulsa accións de dinamización lingüística en dez concellos da provincia de Lugo mediante unha achega conxunta de máis de 23.000 euros.

As axudas responden a unha convocatoria específica para apoiar os servizos lingüísticos e a dinamización social da lingua galega en municipios con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes, ou mediante o agrupamento de concellos que non alcancen esta cifra.

Así, na provincia de Lugo recibiron achegas os concellos de Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Foz, Viveiro, Vilalba e Xove; igualmente, o agrupamento formado polos municipios de  Quiroga e Ribas de Sil, e máis o agrupamento entre Chantada, Carballedo, e o concello ourensán de San Cristovo de Cea.

Este programa pretende consolidar o papel normalizador das corporacións locais por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados, incidindo nas actuacións que garantan unha maior proxección e visibilidade da lingua galega non só no ámbito administrativo, senón fundamentalmente na acción destinada ao conxunto da sociedade.

Neste sentido, cómpre incluír a promoción do galego no concepto de servizo que as administracións ofrecen á cidadanía, tanto directamente como a través das empresas subcontratadas.

Etiquetas