Skip to main content
Actualidade

Outeiro invita a estudantes a facer prácticas en empresas do concello

Por 19 Xullo, 2018Sin comentarios

O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa promovida polo Concello de Outeiro de Rei destinada a mozos e mozas con idades comprendidas entre 16 e 18 anos que lles permite aproximarse ao ámbito socio-laboral facilitándolles unha experiencia durante 5 días nalgunha das empresas do municipio que colaboran con este proxecto.

As persoas participantes, mediante a realización de tarefas acordadas coa empresa, e sempre baixo supervisión dunha persoa responsable, poderán adquirir unha serie de competencias, habilidades e cualificacións que complementen o seu desenvolvemento persoal e formación. Así mesmo, os participantes recibirán unha axuda de 15 euros ao día de asistencia e participarán no sorteo de varias táblets.

As estadías nas empresas está previsto que se realicen do 3 ao 7 de setembro en horario de mañá e o luns 10 realizarase unha visita ao viveiro industrial municipal.

Desde o Concello de Outeiro de Rei se informa que aínda quedan prazas dispoñibles e que o prazo de solicitude remata o venres día 20 de xullo podendo inscribirse ben presencialmente no Servizo de Emprego e Desenvolvemento local do Concello de Outeiro de Rei en horario de 9:00 h a 14:30 h ou chamando ao 982 393 382.