A Xunta destina cinco millóns de euros aos seguros agrarios

A comisión territorial de seguros agrarios reuniuse na Consellería do Medio Rural e valorou os avances neste ámbito en Galicia. Entre os datos destacados, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, sinalou os cinco millóns de euros que este ano achegaranse para subvencionar as distintas liñas de seguros en Galicia. Trátase da cantidade máis alta dos últimos seis anos.

De feito a Xunta de Galicia fixo un importante esforzo para compensar a baixada de 10 puntos porcentuais que aplicou o Ministerio a todas as liñas de seguro agás a retirada de cadáveres. De tal xeito que os agricultores e gandeiros mantiveran estable a subvención recibida en torno ao 40% en todas as liñas.

Así, logrouse manter e incluso mellorar as cifras. En concreto, no 2017 contratáronse 51.671 pólizas cunha superficie asegurada de 13.058 hectáreas e 25,5 millóns de animais. En total, o capital asegurado é de 662 millóns de euros. Belén do Campo fixo balance destes números na reunión na que participaron responsables da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa), de Agroseguro, da Delegación do Goberno en Galicia, Organizacións Agrarias e cooperativas.

Co obxectivo de fomentar a contratación de seguros, a Consellería do Medio Rural non só apoia económicamente as pólizas, senón que tamén exerce campañas de divulgación e faino da man do propio sector. Así, desenvolveu accións coas cinco DO de viños, tamén ofreceu charlas sobre a pataca e o cereal, para o sector da flor e planta ornamental e, por último, para o vacún de leite.

Ademais, coma novidade, inclúe esta cuestión nas súas liñas de axudas, ben como requisito (na de incorporación de mozos) ou como criterio de prioridade (investimentos en explotacións), fronte a aqueles que non teñen aseguradas as súas producións. O ano pasado en Galicia, a través destes seguros o sector recibiu en compensacións máis de 23 millóns de euros. 

Durante a reunión, analizáronse tamén os bos resultados do programa iniciado por Medio Rural co obxectivo de fomentar a contratación de seguros no ámbito vitivinícola. O plan consistiu na creación dun grupo de traballo onde estiveron presentes todas as denominacións de orixe e a Evega, como centro especializado, e desta mesa saíu unha proposta de revisión dos prezos das indemnizacións que finalmente foi incorporada por Enesa.

Así, grazas a este cambio incorporado o 1 de outubro, a día de hoxe xa se rexistra un importante aumento no número de pólizas no sector, ao pasar de 518 en 2016 a 743 no 2017 (un 43% máis) e que darán cobertura para o presente exercicio. As hectáreas de uva para vinificación tamén creceron de 1.906 a 2.442. Respecto á quilos de uva asegurado chégase a 15,7 millóns, fronte aos 13 millóns de 2016.

Dado o éxito desta idea, no encontro acordouse seguir o mesmo esquema no ámbito da castaña. De feito, o secretario da IXP Castaña de Galicia participou na reunión e decidiuse constituír un grupo de traballo para fomentar a contratación de pólizas no sector.

Etiquetas