Pol será lugar de acollida de nenos saharauis

A Deputada de Promoción económica e social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos nenos e nenas procedentes dos campamentos saharauis de Tindouf, en Arxelia. Son 17 os rapaces que están a pasar os dous meses de verán en diferentes localidades da provincia, como Taboada, Pol, Palas de Rei, Viveiro, Barreiro, Vilalba ou Foz, dentro do programa de acollida Vacacións en paz, que co que colabora o organismo provincial, cunha achega de 8.000 euros destinados a sufragar as viaxes destes rapaces.

López Izquierdo destacou que “levamos anos colaborando con esta asociación, que ten unha longa traxectoria para que os rapaces aos que sufragamos a viaxe teñan unhas vacacións saudables, cunha alimentación sa e variada e nun clima habitable. O máis importante é a colaboración das familias que se incorporan a este programa solidario e comparten a súa vida con estes nenos e nenas. Desde a Deputación, felicitamos á asociación Solidariedade co Pobo Saharaui e a todas as persoas que se preocupan por manter este programa que fai tanto ben”.

Os obxectivos do programa Vacacións en paz, co que colabora a Deputación e a través do cal viñeron a Galicia máis de 60.000 nenos e nenas saharauis desde 1991, ten un carácter marcadamente humanitario, como o de manter aos nenos e nenas en Galicia nos meses de xullo e agosto, cando nos seus campamentos a temperatura ascende a 50 graos. Tamén se lles facilita asistencia médica, a través dun convenio con Servizo Galego de Saúde e garánteselles unha alimentación sa, xa que viven a base de axudas de organismos internacionais con alimentos básicos.

O programa tamén procura a integración dos rapaces na cultura e no idioma. Durante a estadía conseguen perfeccionar a aprendizaxe da lingua castelá e galega e ofréceselles tamén unha alternativa de ocio e tempo libre. Promóvese entre a sociedade galega valores de tolerancia e solidariedade, ao facilitar a convivencia e a integración, ao tempo que se dá a coñecer en Galicia o problema que están a vivir os saharauis no Sahara Occidental.

Etiquetas