O BNG de Meira acusa ao alcalde de facer caixa co IBI

O voceiro do BNG no Concello de Meira, Felipe Nieto, criticou a postura do alcalde que “segue a facer caixa a costa de saquear o peto dos veciños co IBI”. Nos últimos 6 anos, as veciñas e veciños de Meira, xa pagaron ao concello 700.000 euros a maiores do que viñan pagando. Neste momento o concello de Meira está reclamando os atrasos da contribución cunhas elevadas cuantías para moitas veciñas e veciños.

O BNG presentou en outubro do 2015 unha proposta para que o concello informara á veciñanza do contido e alcance do catastrazo e rebaixara ao mínimo o tipo de gravame que aplica ao IBI urbano e rústico. Segundo Felipe Nieto, “a proposta do BNG suporía unha rebaixa do 39,4 % no urbano e do 62,5 % no rústico, algo necesario e xusto para compensar, en parte, o espolio fiscal que estaban padecendo”. 

Segundo explicou Felipe Nieto “o alcalde opúxose á proposta do BNG alegando que o plan de saneamento presentado no 2012 polo PP impedía modificar a ordenanza do IBI ata o 2017. Así, o PSOE votou en contra e o PP abstívose. As consecuencias son que o IBI dos anos 2017, 2018 e seguintes segue sen modificarse, “mentres o concello segue facendo caixa a conta do peto da nosa veciñanza”.

Para o BNG “o actual alcalde socialista, ao igual que o anterior do PP, segue a espoliar os petos dos seus propios veciños cos recibos da Contribución. Ambos utilizaron o catastrazo como desculpa para recadar máis cartos e sanear así as contas municipais a través do IBI. Con motivo do pago estes días dos 144.000 euros de atrasos derivados do proceso de regularización catastral, o nivel de indignación veciñal pola suba do IBI é importante.

Etiquetas