Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Alfonso Branco será nomeado fillo adoptivo de Guitiriz

Por 2 Agosto, 2018Sin comentarios

O Concello de Guitiriz, apoiou por unanimidade a proposta do BNG para declarar a Alfonso Branco Torrado como Fillo Adoptivo de Guitiriz, un recoñecemento esperado para o cura de Xermolos por ser unha “persoa imprescindible” a nivel cultural, social ou pastoral.

O traballo de Alfonso por Guitiriz e pola Chaira é público e moi salientable. Ademais de ser sacerdote, foi ensaísta, e dinamizador cultural galego, que afincouse en Guitiriz. Tamén foi mestre no IES Poeta Díaz Castro e é fundador e coordinador da Asociación Cultural Xermolos e promotor do Festival Musical de Pardiñas.

O voceiro do BNG, Xosé Lois González, asegura que “lle sobran” as razóns polas que Alfonso é merecedor desta distinción, “xa que traballou por Guitiriz dende que chegou a esta terra, e polo que fixo pola cultura e a convivencia na nosa zona, hai poucas persoas que loiten como o fixo el, que incluso chegou a poñer cartos dos seus para facer Pardiñas”.

No mes de xullo, este párroco recibiu unha homenaxe xunto con os Irmáns da Lexía, polo seu labor cultural. Foi erixido un monolito representativo no Paseo dos Soños.

Por outra banda, o goberno socialista sacou adiante o proxecto para renovar con 77.000 euros, o parque infantil de Sete Muíños, con críticas de parte da oposición por non contar cos permisos supramunicipais. Tamén incluíu de urxencia o incremento en 8.000 euros do orzamento dun proxecto para arranxar pistas en Sambreixo.