O BNG de Riotorto acusa ao PP de despilfarro na xestión do Mazo de Ferreiravella

O BNG de Riotorto esixe ao goberno do Partido Popular que aclare cal é o seu proxecto para a área recreativa do Mazo de Ferreiravella. Os nacionalistas critican a xestión que o executivo local está a facer do conxunto etnográfico despois de que a empresa adxudicataria da explotación do establecemento hostaleiro ubicado na zona presentase a súa renuncia, o pasado venres. “Gastáronse 62.000 euros de axudas públicas en mobiliario novo, cando aínda estaba sen usar o adquirido, tamén con achegas públicas na anterior etapa do Partido Popular no goberno, o que, co peche do local en pleno verán, se confirma como un absoluto despilfarro de recursos”, denuncia a formación frontista.

“Desde o BNG defendemos que este investimento debería destinarse a habilitar plazas de aloxamento e a realizar diversos arranxos no mazo e no seu mecanismo que se foron deteriorando co paso do tempo”, engaden. Apuntan ademais que o concello recibiu este mesmo ano uns 7.500 euros para visitas guiadas ao mazo “das que nada se soubo”. “Parécenos evidente que o goberno non ten capacidade nin interese en xestionar o gran potencial da tradición ferreira de Riotorto”, conclúen.

O BNG apunta que “agardaban pedir explicacións ao alcalde, Clemente Iglesias, no pleno ordinario que debía celebrarse a pasada semana e que non se convocou”. Os nacionalistas denuncian que o executivo popular se esconde tras a Festa Celta para eludir tamén outras cuestións como “as ordes arbitrarias que reciben empregados do concello “.

O pasado 23 de xuño, o BNG pediu a dimisión do alcalde ao “constatar que un empregado no seu horario laboral, nunha cafetería de As Rodrigas rexentada por un candidato do PP nas eleccións locais”.

Con respecto á celebración, o grupo municipal do BNG asegura “o PP decidiu celebrar a festa no último ano da lexislatura con fins electoralistas, que nada teñen que ver coa festa reivindicativa que organizou durante anos a Asociación Cultural Arrincadeira”.

Etiquetas