Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba denuncia a mala xestión do servizo de recollida de lixo

Por 6 Agosto, 2018Sin comentarios

A voceira municipal do PSOE en Vilalba, Elba Veleiro, denunciou que “o camión de recollida de lixo leva máis de 15 días sen pasar polo punto de recollida da parroquia de Oleiros, acumulando desperdicios e ocasionando malos cheiros, sobre todo nesta época de verán, por este motivo, e tras as queixas veciñais, solicitamos de forma urxente a retirada do lixo. Ademais, este problema agrávase porque a vindeira fin de semana son as festas patronais deste núcleo rural e contará cun maior número de afluencia”.

Elba Veleiro informou que “os socialistas levamos denunciando moito tempo este tipo de situacións ao equipo de goberno do PP, que por desgraza acontecen habitualmente,  e non hai ningún tipo de cambio ou medida por parte do Alcalde para reverter este problema nun servizo tan importante e fundamental para o noso Concello, que pagan os nosos veciños e que non se está a cumprir. O Alcalde debe responsabilizarse e preocuparse polas necesidades dos veciños de Vilalba e non botarlle a culpa a empresa que xestiona a recollida de lixo”.

Os socialistas de Vilalba critican que coa reforma da ordenanza reguladora levada nesta lexislatura de forma unilateral polo Alcalde do PP, os máis de 14.000 veciños de todas as parroquias, xa sexan do rural ou do casco urbano, teñen que pagar por este servizo municipal que non se está realizando, independentemente da distancia das súas casas aos puntos de recollida de lixo, cando antes os residentes dalgunhas zonas rurais non tiñan que asumir esta prestación debido a que os contedores estaban moi lonxe das súas vivendas.

A voceira municipal socialista en Vilalba destacou que “dende o PSOE, como partido que representa aos veciños e defende sempre os intereses veciñais por riba de todo, seguiremos denunciando este maltrato que están a sufrir os vilalbeses, sobre todo no rural, por parte do goberno do PP”.