Guitiriz mellora a rede de colectores e un camiño

A Xunta de Galicia achega ao concello de Guitiriz 78.500 euros para a mellora dun camiño e da rede de contedores de recollida de lixo, dous proxectos subvencionados pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou a contribución do Goberno galego na mellora de servizos e dotacións locais, “especialmente nas zonas rurais, para equiparar as condicións de vida dos veciños e veciñas e impulsar a actividade económica en todo o territorio”.

Neste caso, a Xunta financia integramente as dúas actuacións propostas polo Concello de Guitiriz. Máis do 70% do orzamento -preto de 56.800 euros- está destinado ás obras de reforma dun camiño municipal en Becín, Parga, mellorando a capa de rodaxe co extendido e compactado dunha capa de aglomerado en quente.

A intervención afecta a 1,5 quilómetros de vía que conectan o citado núcleo e os de Moeiro e Abeledo, ademais de servir de acceso a numerosos espazos de interes, historico, artístico e natural do municipio. O camiño tamén soporta abundante tráfico pesado pola proximidade das canteiras.

Pola súa banda, a Consellería de Presidencia financia con case 21.800 euros a mellora dos puntos de recollida de lixo, en concreto a construción de bases de apoio para máis de medio cento de contedores nas parroquias de Mariz, Vilar, Negradas, Santa Mariña, San Salvador, Roca, Santa Cruz, Labrada e Os Vilares.

Con esta medida, resultará máis doado e seguro o manexo dos contedores, que en moitos casos están situados nas entradas dos núcleos de poboación e á beira das estradas; o sistema mellorará a suxeición, reducindo o risco de que poidan chegar a invadir a calzada.

Etiquetas