As Pontes reúne a 60 nenos no encontro Banda Sinfónica Infantil de Galicia

As Pontes reunirá ata o domingo 19 de agosto a un total de 60 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 9 e 15 anos, chegados das catro provincias galegas, entre eles nove ponteses, e procedentes de conservatorios, escolas de música e bandas populares, no encontro da Banda Sinfónica Infantil de Galicia.

A vila convértese, desde hoxe e por primeira vez, na sede deste proxecto educativo, organizado pola Asociación Nacional de Directores de Banda,  que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a colaboración co Concello das Pontes a través do Conservatorio Profesional de Música, que ten como obxectivo promover o desenvolvemento das bandas de música no eido estatal.

O encontro foi inaugurado esta maña, no Auditorio Municipal Cine Alovi e o acto contou coa presenza do alcalde en funcións do Concello das Pontes, Antonio Alonso, quen destacou a importancia desta xuntanza para a vila, agradeceu que fose escollida para formar ós novos músicos da comunidade e animou os participantes a gozar desta iniciativa, sacarlle o máximo partido para a súa formación profesional e persoal, convivindo con outros rapaces coas mesmas inquedanzas.

Nesta presentación tamén interviñeron o xefe de servizo de coordinación da área cultural da Coruña de Xunta de Galicia, Jesús Espada; a concelleira de Cultura do Concello de Ortigueira, Vanesa Trevín,  así como o presidente da Asociación Nacional de Directores de Bandas, Carlos Diéguez;  o director artístico da Banda Sinfónica Infantil de Galicia, Abel Rivera, e o director do Conservatorio Profesional de Música das Pontes, José Manuel Campello quen durante a súa intervención subliñou o papel que a música ten no municipio, facendo un breve percorrido pola súa historia.

Recuperación de patrimonio cultural musical

Durante seis días de convivencia na que os participantes terán a oportunidade de completar a súa formación, a través de clases e ensaios, así como de aproximarse o patrimonio cultural musical de Galicia e doutras rexións co obxectivo de fomentar a súa recuperación.

O programa do encontro inclúe un concerto de balde, aberto a toda a veciñanza, o domingo, 19 de agosto, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Alovi nas Pontes no que soará un arranxo realizado por Enrique Lagares do Himno das Pontes, obra do compositor Antonio Pico Blanco.

O repertorio incluirá, asemade, obras de carácter didáctico e lúdico como O baúl dos xoguetes de  Michele Magani, Hymne a la musique de Serge Lancen ou Vivo per lei de V. Zelli, M. Mengali e Andrea Bocelli.

Etiquetas