Unha alumna de Vilalba gaña o Premio Mariña Folgueira

Serendipia, de Ariana Núñez, do IES Basanta Silva de Vilalba, resultou ser o traballo vencedor do segundo ciclo de Secundaria e o mellor valorado polos membros do xurado no IV Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira.

Na categoría de segundo e terceiro ciclo de Primaria gañaron, respectivamente, Iker Fernández co texto Axuda entre os veciños e Pablo Ledo coa redacción Sempre en Galicia: así é a miña aldea, ambos do CEIP O Salvador da Pastoriza. 

Amais de Ariana, en Secundaria, Paula Comendeiro, do IES Enrique Muruais da Pontenova impúxose no primeiro ciclo coa súa redacción Sempre en Galicia.

Formaron parte do xurado avaliador do concurso profesionais recoñecidos do sector da comunicación e da docencia, todos eles amigos de Mariña Folgueira, veciña de Reigosa homenaxeada neste acto. Os xornalistas Manuel Gago, Alberto Barciela e Xurxo Salgado xunto co linguista Paulino Novo e o profesor, cantautor e político galego Mini Rivas foron os encargados de seleccionar os catro nomes de entre o cento de traballos presentados.

Todos os nenos premiados levarán como recoñecemento un diploma, un lote de libros e unha tablet. O centro da alumna máis votada, neste caso o IES Basanta Silva de Vilalba, tamén recibirá cunha escultura Peiteando o porvir do lucense Luís Loureira, unha peza de madeira de nogueira e ferro esmaltado e pintado.

A asociación veciñal de Reigosa agradecerá a alta participación agasallando os non premiados cun libro.

O acto de entrega de premios terá lugar o 16 de agosto, ás 16:00h, no Centro Sociocultural Mariña Folgueira de Reigosa (A Pastoriza).

Etiquetas