Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O achado do sepulcro do Apóstolo Santiago

Por 17 Agosto, 2018Sin comentarios

Por Lucía Otero Gato

25 de xullo, como cada ano, foi o Día de Galicia, día de Santiago Apóstolo. É tempo, pois, de rememorar aquí a historia do Apóstolo e a xénese das peregrinacións a Santiago de Compostela. Tras a morte de Xesucristo, o Apóstolo Santiago, coñecido como Santiago o Maior, continúa o seu labor apostólico en Xerusalén. Algún tempo despois a súa misión evanxelizadora traerao a Hispania, concretamente a Andalucía, e desde alí prosegue co seu apostolado por toda a Península Ibérica, rematando a súa predicación en Iria Flavia (Galicia). De volta en Oriente Próximo, Santiago o Maior foi decapitado arredor do ano 41 por incumprir a orde de Herodes Agripa I de non difundir o Cristianismo. Segundo a tradición, o cadáver de Santiago foi roubado entón polos seus discípulos Atanasio e Teodoro, que o trouxeron de novo a Galicia. Xa en terras galegas, o corpo sen vida do Apóstolo foi transportado en carro hasta o bosque de Libredón, punto no que os bois se negaron a seguir andando. Este  feito tomouse como un sinal divino; así, elixiuse o bosque de Libredón como lugar de enterramento.

O milagroso descubrimento do sepulcro do Apóstolo prodúcese no ano 813, durante o reinado de Afonso II o Casto. O autor do achado foi un ermitán chamado Pelaio. Este ermitán, que vivía en Solovio —no bosque de Libredón—, comezou a observar polas noites resplandores misteriosos. Inmediatamente informou do fenómeno a Teodomiro, bispo de Iria Flavia, quen se trasladou ao emprazamento e observou que as luces revelaban o sitio exacto onde estaba enterrada a Arca Marmárica, un sepulcro de pedra no que descansaban tres corpos, o do Apóstolo Santiago e o dos seus discípulos Atanasio e Teodoro. Teodomiro dálle a noticia a Afonso II, e o monarca organiza unha viaxe a Libredón. Ao chegar alí, Afonso II bautiza o lugar como Campus estellae —‘Campo da estrela’, de aí vén o nome de “Compostela”— e ordena que sobre a tumba se constrúa unha pequena igrexa.

Os monarcas asturianos e leoneses aproveitaron as reliquias do Apóstolo Santiago para consolidar o seu reino fronte ao reino musulmán de Al-Ándalus e para darse a coñecer no resto da Cristiandade europea. Deste modo, sen ningún tipo de escrúpulo, estes reis levantaron a calumnia de que o Apóstolo era un “matamouros” e que participara na batalla de Clavijo, cousa de todo incerta, posto que Santiago predicaba e practicaba a tolerancia e a igualdade, non a brutalidade. En 1075, baixo o mandato do bispo Peláez, iníciase a construción da actual Catedral de Santiago. Así mesmo, a orde de Cluny promove as peregrinacións á tumba do Apóstolo, para o que se crea unha ruta principal coas súas respectivas estacións (Camiño Francés). O impulso definitivo que fai do Camiño de Santiago a gran ruta de peregrinación foi a concesión desde Roma dos Anos Santos Composteláns —son Anos Santos ou Anos Xubilares todos aqueles nos que o 25 de xullo, día de Santiago, coincide en domingo—, coa posibilidade de que os peregrinos obteñan a indulxencia plenaria, é dicir, o perdón de todos os seus pecados.