O PSOE acusa a Baamonde de permitir traballos na zona verde do polígono

Dende o grupo municipal do PSOE en Vilalba, denunciaron que o alcalde non ten constacia dos traballos que se estiveron a realizar nas últimas semanas na zona verde do polígono, con excavadoras e camións para reencher a zona verde con zahorra.

Esta zona segue a estar no punto de mira dos socialistas de Vilalba que despois de varios reclamos por parte do PSOE, “o alcalde asegura non ter coñecemento das tarefas na zona verde do polígono, esta zona tiña que estar pechada dende hai moito tempo”, afirmando que “foron varias as comisións de urbanismo nas que se lle preguntou ao alcalde pola zona verde situada no polígono, en concreto para ter coñecemento de que empresa está a realizar alí obras e o porqué de non o ter pechado”, comenta o edil socialista Luis Fernández.

Segundo sinalan desde o PSOE, “Baamonde dixo non ter coñecemento de absolutamente nada, nin dos traballos, nin da empresa, nin de calquera outra cousa”, pois o parecer da bancada socialista apunta a “unha relación caciquil, de favores, cómplices e miradas cara outro lado mentras Vilalba semella o cortixo de catro amigos que fan e desfan como desexan”, criticou Fernández.

No que atinxe ao compromiso do goberno local, “hai máis de dous anos que afirmaron estudar o tema, e aínda hoxe seguen con esta ignorancia interesada”. Por este motivo, desde o Partido Socialista piden que “Baamonde deixe a un lado estes amaños e se poña a gobernar con seriedade”, zanxan.

Etiquetas