O San Ramón inclúe varias actividades culturais

As festas de San Ramón e Santa María reúnen unha xeira de actividades culturais ademais dos concertos e verbenas, entre as que figuran tamén varias organizadas polo Iescha.

Comezando o día 20 coa previa ao Certame Literario e continuando o día 24 coa Xuntanza Terra Chá, coa que se tentan manter o contacto entre os residentes en Madrid e os chairegos, desenvólvese un completo programa para todos os gustos.

A Asociación Xuntaza Terra Chá de Madrid convida a toda a xente ao seu evento anual, que este ano celebra o seu 50 aniversario baixo o nome Xuntanza dos concellos da Comarca da Terra Chá. Ademais, farase unha degustación de pinchos da Terra Chá a partir das 13:00 horas, no Parador.

Para poder acudir a este xantar, é necesaria a confirmación da asistencia cun mínimo de 5 días de antelación no propio Parador. Tamén pódese confirmar a asistencia no 982 510 011, ou mediante correo electrónico no xuntanzaterracha@gmail.com. O prezo por persoa será de 11 euros.

A Asociación formada polos veciños da comarca que viven fóra dela está presidida por Reyes Corsini López, Iago Rivera e Iván Filgueiras. Está asociación organiza todos os anos unha comida en Madrid e outra en Vilalba.

O día 24 ás 20:30 horas no Auditorio Municipal, o Instituto de Estudos Chairegos inaugurará como é costume a bienal de fotografías antigas Tal como eramos.

A exposición recolle un total de 234 imaxes antigas, que amosan case un século da historia local a través de imaxes de feiras, paisaxes, mercados, festas e romarías, eventos culturais ou sociais, excursións, grupos de veciños, deporte, etc.

Despois da inauguración, o Iescha propón escoitar unha historia contada da man do lucense Lois Pérez, que comezará a partir das 22.00 horas, tamén no auditorio e con entrada gratuíta. O escritor realizará un Inventario da retranca: historias de trasmundo.

Ademais, o luns 27 de agosto no Auditorio Municipal, terá lugar a obra de teatro Duncan de Palleiro a cargo de Lila-Teatro. A obra transcorre na vida dun can moi especial que pertence a unha raza mítica, lexendaria e con moito prestixio, a de Palleiro. Este can é o príncipe das corredoiras, pero leva unha vida sinxela a carón do seu amo Aurelio e dos seus amigos. Vive nunha pequena vila chamada Óubidos e séntese moi fachendoso da súa vila.

Trátase dunha obra dirixida a un público familiar que fala do amor, a amizade e a liberdade. A entrada será de balde.

O día grande das festas será o 31 de agosto, día de San Ramón e o traxe rexional galego. É por tanto o día dedicado ao patronimonio cultural.

Este día comezará con pasarrúas a cargo das Pandereteiras de Andrade e a Banda de Música de Vilalba a partir das 10:30 da mañá, para así continuar ás 12:00 cunha misa solemne na Igrexa de Santa María, cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa e seguida dunha procesión presidida polas raíñas das festas, damas de honra e autoridades que acompañaran á Banda de Música e ás pandereteiras. Ás 14:00 dará comezo a sesión vermú amenizada pola orquestra Pontevedra, para despois, a media tarde, celebrar o III Memorial Jorge Tato de fútbol. Este día tan cultural completarase ás 20:00 horas no templete da praza da Constitución cun gran concerto a cargo da Banda de Música de Vilalba seguido da verbena.

O sábado día 1 de setembro, as festas adicaranse a Santa María, e durante este día haberá moitas actividades similares ao día de festa anterior. Volven os pasarrúas, esta vez a cargo da Banda de Gaitas Mato Vizoso e Entre Lusco e Fusco, para así continuar ás 12:00 cunha misa na Igrexa de Santa María, cantada pola Coral Luar e seguida da procesión con autoridades e a música da Banda de Gaitas Mato Vizoso e Entre Lusco e Fusco. Tras a tradicional sesión vermú con La Ola ADN e París de Noia, a tarde dará paso, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, ao XII Festival Pepe Guntín de Bandas de Música. Nesta ocasión estarán presentes tres conxuntos, a Banda de  Música Municipal de Ribadeo, a Banda Música Popular de Rubiós e  Banda de Música de Vilalba, organizadora do evento, que todos os anos tenta manter esta tradición.

Etiquetas