Veciños de Xemil na Pastoriza solicitan a mellora da estrada LU-P-1106

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado de técnicos da Deputación, e do Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, supervisaron o estado da estrada provincial LU-P-1106 que transcorre por este municipio chairego. Os servizos técnicos provinciais constataron o elevado volume de tráfico que presenta este vial debido aos traballos que realiza unha canteira situada no núcleo de Xemil,  xustamente por onde transcorre esta vía.

O Presidente e o Alcalde, realizaron esta visita tralas demandas veciñais, que rexistraron un escrito no organismo provincial, queixándose do lamentable estado deste estrada que utilizan a cotío moitos veciños desta zona e do Concello, que cualificaron como “intransitable”. Este vía de comunicación, que vai dende o cruce de Bretoña ata o Campo do Oso, é moi utilizada como saída a Mondoñedo.

O Servizo de Vías e Obras da Deputación constatou as numerosas deficiencias tanto no firme, nas cunetas, así como todo o que conleva a seguridade desta vía comunicación. Así as cousas, dende o servizo técnico provincial trasladaranlle a esta empresa os pasos a seguir para devolver ao seu estado a LU-P-1106 ao seu paso por Xemil, e poder garantir a todos os seus usuarios a seguridade desta estrada, co fin de que se poidan circular con todas as garantías.

Ademais, dende o Organismo Provincial comprométense a redactar o proxecto técnico para acondicionar este vial.

 

Etiquetas