A Xunta afirma que a residencia de maiores de Pol xa ten permiso de inicio de actividade

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Política Social xa resolveu favorablemente o permiso de inicio de actividade para as residencias de Trabada, Pol e Castroverde.

Balseiro aclara que a Xunta autorizou o pasado mes de xaneiro o inicio de actividade en  Castroverde, en marzo o de Trabada, e en abril a de Pol. Polo que respecta á de Fonsagrada, os promotores iniciaron unha solicitude no ano 2015, se ben con posterioridade introduciron unha modificación substancial no proxecto da que desistiron o pasado mes de xuño, polo que deberán remitir unha nova documentación actualizada.

A Deputación Provincial e Suplusa obtiveron da Consellería de Política Social a autorización para a creación doutras residencias, en Ribas de Sil, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Meira, se ben non consta que teñan presentado a solicitude de inicio de actividade para ningunha delas.

Neste sentido, Balseiro lembrou que “en repetidas ocasións a Deputación pediu celeridade á Xunta, intentando esquivar a súa responsabilidade no atraso da apertura dos centros, pero o certo é que neste momento non hai ningún expediente sobre este asunto que tramitar na Consellería”.

Na mesma liña, instou ao Goberno provincial a “presentar canto antes as solicitudes e a documentación relativa ás residencias que faltan, se de verdade teñen votade real de abrilas a curto prazo”.

Etiquetas