Investimento de dez millóns de euros na Pastoriza

A Xunta destina este ano investimentos por valor de 10 millóns de euros a promover actuacións encamiñadas ao desenvolvemento económico do concello da Pastoriza. Ata finais do 2018, o Goberno galego financiará no municipio diversas obras e servizos e concederá axudas dirixidas principalmente aos profesionais do medio rural.

Así o deu a coñecer esta mañá o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ao polígono industrial, no que a Xunta, en colaboración co Concello, financiará obras de mellora na rede de saneamento, en concreto, coa creación dunha rede separativa de pluviais. Estes traballos contan cunha axuda de 115.000 euros e permitirán optimizar o funcionamento da depuradora.

Con todo, a Xunta executou ou ten previsto executar ao longo deste ano outros moitos investimentos. A zona e os profesionais do medio rural do municipio serán destinatarios prioritarios destas achegas, tanto a través da execución de obras de mellora de camiños, valoradas en 78.000 euros, como da concesión de axudas directas a profesionais da actividade agrogandeira. A contía global destas achegas aos produtores ascende a oito millóns de euros.

Paralelamente, a Xunta achega un orzamento de 50.000 euros á promoción de plans de mellora de explotacións e programas de incorporación de mozos á actividade agraria.

O delegado tamén informou do apoio aos programas de ámbito social. Para este fin, a Xunta destina 118.000 euros ao sostemento do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes do concello da Pastoriza.

Pero na relación de investimentos é moito máis ampla e inclúe achegas dirixidas á creación de emprego (programas Aprol Rural e contratación de perceptores da Risga) que permitiron 4 contratacións por importe de 36.700 euros ou obras de mellora nos centros educativos (Ies Fonmiñá, reforma accesos e CEIP Bretoña, arranxo fachada) nas que se investiron 33.000

Unha das achegas máis relevantes, fóra das destinadas ao ámbito rural é o Plan de Cooperación Local polo que a Xunta achega, cada ano, máis de 123.300 euros ao Concello da Pastoriza, que pode despois destinar a impulsar distintas obras e servizos.

A modo de conclusión Balseiro subliñou que estes investimentos, que serán executados pola Administración galega ao longo do 2018, superan en máis do dobre o importe do orzamento anual do municipio chairego.

Etiquetas