A Deputación atendeu 6.700 solicitudes de emprego nos últimos 6 meses

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, informou dos primeiros resultados obtidos nos 6 primeiros meses de funcionamento da Axencia de Colocación da Deputación, un servizo público de inserción laboral gratuíto que o Goberno Provincial ofrece gratis a veciños e empresas da provincia de Lugo.

López Izquierdo destacou que “dende a Deputación atendemos a través da Axencia de Colocación máis de 6.700 solicitudes que se corresponden con 2.200 lucenses que ou ben estaban en paro ou buscaban mellorar a súa situación laboral, dos que se inseriron laboralmente máis de 150. Tendo en conta que este servizo gratuíto que puxemos en marcha este Goberno Provincial leva tan só 6 meses en funcionamento, a media de atención mensual é de 1.100 solicitudes”. 

A deputada explicou que, ademais destas persoas, atendeuse e ofreceuse asesoramento profesional a unhas 1.200 persoas de xeito presencial, nas instalacións habilitadas no Pazo de San Marcos; así a outras 900 que o fixeron de xeito telefónico.

“Trátase dun servizo onde profesionais -axentes de emprego do organismo provincial- atenden persoalmente e de xeito individual, ofrecendo asesoramento, ás persoas que busquen traballo, ás que desexen mellorar a súa situación laboral ou ás que queiran emprender, o que o converte nun servizo máis humano e próximo”.

Unir oferta e demanda

López Izquierdo explicou que ademais de ser máis próximo e humano é tamén máis fiable pois conta coa oferta da empresas e a demanda de emprego que existen na provincia, que o diferencia, deste xeito, doutras prestacións semellantes.

Oferta de Emprego: as empresas ou colectivos da provincia que necesiten traballadores poderán trasladar os perfís laborais que requiren ou que buscan para poder traballar ou mellorar o rendemento dos seus establecementos. Os axentes de emprego da Axencia de Colocación da Deputación ofreceranlles candidatos (que serán veciños da provincia) que satisfagan as súas necesidades. Tamén lles ofrecerán un asesoramento individual e continuado, en encontros ou reunións, para verdadeiramente definir as súas necesidades e os perfís laborais que requiren.

Demanda de Emprego: Os veciños da provincia, desempregados ou non, poderán trasladar os seus currículos. Os axentes de emprego da Axencia de Colocación da Deputación porannos en contactos con empresas e colectivos da provincia que busquen perfís laborais de acordo aos seus.  Tamén lles ofrecerán un asesoramento individual e continuado, en encontros ou reunións, para axudarlles a atopar emprego. Por exemplo, un veciño desempregado maior de 50 anos, que sempre traballou no sector da construción e conta co graduado escolar. Neste hipotético caso, os axentes de emprego analizarían co mesmo todas e cada unha das súas potencialidades, dende que teña carné de conducir ata as súas aptitudes persoais, para propoñerlle que sexa candidato a postos de traballo para os que reúna as condicións e que poida desenvolver con éxito.

Etiquetas